José Leal: «Na Guerra do Bonito enganchei o La Gabrielle e leveino como un paxariño»
PESCA Y MARISQUEO

Pescou durante case toda a vida laboral o peixe estrela que «levantou» Burela; «quen non fixo unha casa grande co bonito, fíxoa pequena, quitamos 16 millóns de pesetas en 27 días»
16 mar 2025 . Actualizado a las 11:57 h.José Leal Castro (Burela, 79 anos) aínda lembra todas e cada unha das latitudes dos caladoiros donde se gañou, durante catro décadas —«sen vacacións», asegura— o pan faenando.
—Comezou con seu pai, aos 15.
—Meu pai era mariñeiro e tiña un par de vacas que nin leite daban. Cansou e cun socio mercou no 1963 un barco, que tiña o buque 44 anos. Era de vapor, traballaba a fuel e chamábase Bella Vista. Se lle dabas unha patada esfondabas todo (ri). E aos meus 15 anos alá fun con eles. Iamos ao bonito nada máis, o resto do ano cavar ao monte e atender das dúas vacas. A primeira marea andiven 20 días mareado que non sabía nin onde estaba. Ata que sentei e comín cachelos con bacallao. Acabouse o mareo e non volvín marearme máis.
—Como era ir ao bonito daquela?
—Antes durmiamos con roupa de augas, tiñamos unha media engomada, de lona, que untabamos en aceite, porque senón non a podiamos poñer, estaba dura coma unha estatua. Logo quitábala, e cando ías volver poñela estaba pegañenta e non dabas feito. Se tiñamos que facer as nosas necesidades pedíamoslle ao patrón que se puxera en popa, porque non había baño. No 1968 estrenamos o Nuevo Bella Vista. Era un barco de 25 metros que fixemos en Asturias e que nos cambiou a vida. Xa se durmía nunha cama. Saíu tan bo que cando me desfixen del chorei coma un pícaro. Para facelo tiveramos que pedir un préstamo e foi grazas ao banqueiro, Ginés, que poidemos renovarnos. Ese home levantou o porto de Burela.
—Que lle debe Burela á pesca?
—Burela non era nin o dez por cento do que hai hoxe. Había uns poucos grupos de casiñas. O mar trouxo todo. Fixéronse barcos moi bos, cada vez foise buscando o peixe máis lonxe, os prezos subiron e o bonito foi o que levantou esta vila. Todo o que ves agora. Grandes e pequenos, todos andabamos ao bonitiño. Cen barcos. O que pescaba moito facía unha casa grande. O que non pescaba tanto, unha pequena.
—Como de lucrativo era o bonito?
—A min chamábanme «o norteño» porque o ía buscar a Irlanda. Nunha marea no ano 1997, botamos 27 días e chegamos de volta a Burela con 40.700 quilos. Quitamos 16 millóns de pesetas. Eu fíxenme no bonito, era o rei. Aínda que é verdade que acabei a miña etapa no mar no Siempre Bella Vista, un conxelador. Estiven sete anos ao conxelado porque se gañaba máis, e aí xubileime, acabouse a miña época de pelexar no mar.
—Viviu a Guerra do Bonito.
—En primera persoa. Daquela tiñamos o Boer, un arrastreiro. Nacera o barco con 460 CV e aumentámosllo a 1.060. Alí estabamos todos detrás de La Gabrielle, que levaba redes ilegais, e os barcos franceses a facerlle escolta. Un compañeiro de Burela, Nieto, quería embestir o buque, pero ninguén se lle arrimaba. Eu ofrecinme a collelo. A darlle non, porque non quería ter nada que ver con que fose a pique e poñer homes en perigo. O Boer era tan rápido que enganchei La Gabrielle por babor, púxenlle a plancha e leveino como un paxariño. Daquela o compañeiro de Burela embestiu o barco, ao meu tamén (ri), e a tripulación deles subiu como puido a un remolcador. E logo tiven que traelos a todos de remolque (ri). Aquela xente naquel buque berraba que non me quero nin acordar. Eu dicíalle á miña tripulación que se metese para dentro, porque non sabiamos se nos ían disparar.
—Cal foi o seu peor susto?
—Andando polo sur das Azores, haberá uns trinta anos. Veu un ramo de ciclón e o mar deitou o barco como se lle das un puñetazo a un home e o tiras ao chan. Andabamos dentro cos pés nos mamparos. Algún aínda ten a marca do golpe do mar, porque caeron do catre uns mariñeiros enriba doutros. Por sorte aínda estamos aquí para contalo, lográmolo.
Fixo 32 maquetas de barcos, algúns deles nos que traballou
Xubilado do mar, o mar segue a ser importante para Leal. De xeito autodidacta elaborou con todo detalle 32 maquetas de madeira de barcos, entre as que están algúns dos buques nos que faenou. A dos Hermanos Taboada acabou en Muxía, doado por un párroco ao arder o Santuario da Virxe da Barca.
—Como lle deu polas maquetas?
—A min xa me gustaban estas cousas de pequeno e andaba coa navalla, pero había que ir ao toxo para o burro, ás berzas, á leña, traer auga dos pozos... Tiñas media hora ao anoitecer para brincar algo. Andando no Boer, durante tres ou catro días de temporal nos que estabamos sen faenar, fixéralle a un motorista un barco. E díxenlle: cando me xubile, farei os barcos como se fan.
—Como nun asteleiro?
—Igual, peciña por peciña. O último que fixen, hai menos de catro meses, foi o Niño Jesús de Burela, para un dos armadores dese mesmo barco, que andaba comigo de motorista no Boer. Dos buques nos que andiven eu, só me faltou o Boer, porque non din co plano. Se manexas esa fonte, consegues facelo exacto.
—Que lle motiva de facer as maquetas?
—Que sexan complicadas. Se son doadas de facer non me teñen graza ningunha (ri).
—E cal foi o reto máis difícil?
—O Juan Sebastián Elcano, da Armada Española, levoume medio ano. Fíxeno dúas veces. O casco faise axiña pero logo coas miniaturas botas todo o día e paréceche que non avanzaches nada. E as velas dan moito traballo. De segundas, xa co plano, foi mellor.

—É moi perfeccionista?
—O barco ten que ser como se lle quitases unha foto. É importante que non sexas zarapalleiro pintando a maqueta. E se non sae ben, brosa (ri), fago outro.