WINSTON CHURCHILL, ESCRITOR

La Voz

TELEVISIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

24 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Lembramos a figura do vello estadista inglés co groso puro, hóspede sempiterno dos seus beizos. Tamén o seu feitío de home pintoresco, ricaz en anécdotas, boa canteira para un xornalismo de tellas abaixo. Asemade, a súa fabulosa fasquía de home de acción. Só nos paramos a consideralo como escritor cando, sendo xefe de Estado, lle foi concedido o Premio Nobel de Literatura. Era esta a faceta menos coñecida de Churchill. Pareceunos daquela dato curioso, que encetara a súa vida literaria no 1898: cando Azorín, Machado, Miró e outros descobrían a paisaxe. Os escritores da Xeración do 98 empequenecían a peripecia novelesca do que entón era un mozo narrador inglés que viña de publicar unha novela de aventuras. Non era Churchill, como se ten sinalado, autor de bibliografía breve. Desde o ano devandito firmara vintesete obras. En medio século de vida literaria andou a publicar estudios históricos, relatos das súas campañas, e dúas biografías: a do seu pai e a do seu devanceiro, o célebre duque de Marlborough. Tamén tres compendios de ensaios críticos, un libro de viaxes e as sonadas «Memorias» a raíz da última guerra mundial. Como escritor dicíase que era premioso, un estilista. Así mesmo, que escribía o mellor inglés do imperio. Sen embargo, mália o Premio Nobel, a historia non gardará lembranza do personaxe polos seus escritos. Si, en troque, polo que del escribiron os demais. O home de acción, o político, devorou, xa que logo, ó escritor. En Mallorca, por exemplo, venérase o piano de Chopin. Pero ningún mallorquín gardará a pluma coa que Churchill escribiu, baixo os ceos xulianos, a segunda parte da biografía do duque de Marlborough. Un incipiente e soñador novelista facilitaríalle a Inglaterra o acceso ó máis grande imperio coñecido. Do título da novela de Disraeli ninguén se lembra. Pero a súa sombra advírtese en toda a argamasa dos dominios ingleses. Ó que foi flamante Premio Nobel ocurríralle algo semellante. A armazón difícil da Comonwealth descansou sobre os seus hombreiros. Ela constituíu a sombra da súa fama. O español Nebrija afirmou que a lingua é a fiel compañeira do imperio. A Churchill pasoulle todo o contrario: o imperio foi o seu dramático destino e a súa inafastable compaña. De calquera xeito, o exercicio das armas non engulipou ó da pluma. Os seus artigos alternáronse coas ordes de campaña. Un día tentou irse a Exipto con Lord Kitchner, porque ó mozo imperial tentábao a sombra das pirámides. Pero non valía a recomendación de Lord Salisbury. Conformábase con pasar a un reximento de lanceiros. Participou na reconquista de Khartum. Daquela embebéuselle a pluma no mesmo arrecendo que a outro Premio Nobel inglés: Rudyard Kipling. Durante a guerra contra os boer mandaba crónicas ó «Morning Post». A división do xeneral Botha fíxoo prisioneiro. Tres semanas durou a súa cautividade. Fuxiu de Pretoria ata Mozambique gañando as líneas inglesas. Gran triunfo para un escritor: o poder ser heroe do seu propio relato emocionado. Protagonista da súa novela. A súa aventura subiu a tirada do «Morning Post». O papel de Churchill cotizábase agora na bolsa da alta política inglesa. De ministro de Comercio ós trinta e cinco anos ata Premier ós setenta e nove, a súa vida navegou dentro desas augas procelosas. Foi a actividade política e de acción a que singularizou, pois, a personalidade de Winston Churchill. É esa característica a que perdura. Non, en calquera caso, a que desenvolveu no mundo literario.