A película, muda e con intertítulos en castelán, foi producida en 1930 con argumento de Castelao O material orixinal de «La tragedia de Xirobio», composto de sete rolos de película muda con intertítulos en castelán, ten unha duración aproximada de cincuenta minutos e apareceu en dous lotes. O primeiro, en 1985, procedente do Cine Club Universitario de León, e o segundo, posteriormente, a través do depósito realizado por un particular na Filmoteca Española. O Centro Galego das Artes da Imaxe, en colaboración con esta última institución, comezou o proceso para a súa restauración.
08 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Realizada en 1930 polo xornalista galego José Signo, adaptando libremente un conto de máscaras do libro Cousas de Castelao, La tragedia de Xirobio non chegou a estrearse por non atopar xeito de canalizala ata as pantallas comerciais a pesar de que a productora Vicus Films anunciou o contrario a comezos do ano 1931. Protagonizada por Julio Rúa e outros actores da Agrupación Dramática Galega, respondía ó intento da empresa viguesa de crear unha mínima infraestructura cinematográfica galega. Curta traxectoria Fundada en 1929, Vicus Films tivo unha curta traxectoria e acadou certa notoriedade ao promover documentais como Galicia histórico monumental (1930) e unha serie de noticiarios que chegaron a proxectare nas nosas pantallas. O propio C.G.A.I. restaurou en 1997 o seu Noticiario nº 15 datado en 1929. Dunha primeira análise das imaxes que foron recuperadas, os expertos da institución ubicada en A Coruña atopan no filme influencias procedentes dos cineastas primitivos norteamericanos e mesmo soviéticos. Destácanse tamén algúns recursos plásticos e de estilo que non se teñen presenciado ata agora nos moi limitados materiais de ficción xa recuperados como é o caso da curtametraxe Miss Ledya, realizada polo cineasta José Gil en 1916.