«Chegará o día no que series feitas en Galicia triunfarán en España»

TELEVISIÓN

O intérprete dá vida ao primeiro edil de Louredo, a localidade onde teñen lugar as tramas de «Padre Casares», a ficción máis vista polos espectadores galegos

29 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Durán Morris (Vigo, 1959) interpreta en Padre Casares ao alcalde máis testán e bipolar de Galicia. O seu persoeiro ten, esta tempada, un especial protagonismo nunha serie que é a preferida polos galegos. Sete episodios desta produción de Voz Audiovisual entran entre as dez series máis vistas no que vai de ano nesta comunidade.

-Delmiro segue facendo das súas.

-Esta temporada centrouse máis nos habitantes de Louredo, e cobramos máis protagonismo os que somos do propio pobo. Delmiro, aí segue, coas súas aventuras e o seu carácter bipolar, de tanto digo si coma non. Eu penso que é un personaxe que lle cae moi ben a xente, pola resposta que teño pola rúa.

-E agora está aberto a novas tecnoloxías.

-Si. Lárgome uns rollos incribles co programa Delmiro responde, diante dunha cámara web. É unha idea graciosa. Abriu un espazo, que utiliza para dicir o que lle dá a gana, a medias con Josito.

-Ten similitude co que fan algúns políticos.

-Eu creo que si. Ese tipo de espazo ten que ver con Chaves. Penso que a todos os políticos lles gustaría contar cun medio de comunicación propio onde poderse dirixir, sen cortapisas de ningún tipo aos electores.

-¿Como se leva que a serie sexa a máis vista en Galicia?

-Unha das cousas boas que temos é que o equipo é moi esixente. O perigo de acomodarse despois de 60 capítulos non existe. Todos somos supercríticos. Hai fortes debates. Esta temporada foi un pouco máis controlada a niveis de grandes argumentos porque a serie se podería disparar. Os quince seguintes son xa máis tolos. Con este equipo, esa sensación de ir gravar e esquecerte de todo non ocorre.

-Agora hai adaptacións de «Padre Casares» en Andalucía e Baleares. ¿Tedes algunha relación cos seus actores?

-Eu son amigo e traballei co que fai de alcalde na versión de Canal Sur. Creo que tamén Telemadrid se interesou polo proxecto. Haberá que facer un encontro entre todos.

-Vai haber tamén unha versión no cine da serie.

-O proxecto está perfilándose, e supoño que se intentará facer unha comedia del tipo Bienvenidos al norte. Aquí hai a gran vantaxe de que o pobo de Louredo xa está construído e os persoeiros funcionan. Sairemos da vila e iremos a outras zonas e iso pode ser moi simpático, ao sacar de contexto os persoeiros. Aquí creo que vai gustar porque a historia é moi seguida. E creo que chegará o día que series feitas e que funcionan aquí triunfarán en España, realizada por galegos e con persoeiros da terra. O noso sentido do humor e a maneira que temos de afrontar a vida chama a atención fóra e é un gran recurso, se o sabes plasmar. A gran diferenza, nestes momentos, con outras producións nacionais é o presuposto. Temos que facer as cousas en menos tempo.