Carlos Núñez, Milladoiro e Milanés para festexar o día do Apóstolo

yohana silva / r. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

tvg

Unha vintena de artistas estarán presentes na gala especial da TVG para o 25 de xullo

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día de Galicia ten programación especial na TVG. A gala do 25 de xullo contará con Xosé Ramón Gayoso como mestre de cerimonias, que xunto á actriz Lucía Regueiro, a xornalista Lucía Rodríguez e a cantante e humorista Eva Iglesias conducirán un evento que reúne no escenario a unha vintena de grandes artistas. Uns duetos musicais únicos, que están destinados a homenaxear o día grande da comunidade.

Contarán coa presenza dun dos mellores gaiteiros do mundo, Carlos Núñez, que acompañará ó músico Rodrigo Romaní, fundador do mítico grupo Milladoiro, e a Sondeseu, a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galicia, que tamén sorprenderá con temas propios. Veranse pasar polo escenario a artistas do talle de Pablo Milanés, cantautor cubano ligado a Galicia profesional e sentimentalmente; Marta Sánchez, unha das galegas máis internacionais, e o presentador e cantante Xosé Manuel Piñeiro.

Tampouco podían faltar o Grupo Plan Siberia, gañador do concurso da canción do verán da Televisión de Galicia, interpretando Xunto a ti, ou a actuación dos peregrinos máis coñecidos da canle, Lucía Pérez e Tonhito de Poi, que cantarán xuntos o tema O camiño. O baile terá tamén papel importante coa actuación do grupo Nova Galega de Danza, ademais das pandereteiras de Xestreu e da agrupación musical De Pé Feito.

As sorpresas, a música, a danza e o humor acompañarán aos galegos nunha noite única para celebrar.