«Mareas vivas» cumpre 20 anos

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Televisión de Galicia celebra esta noite o aniversario da emisión do primeiro episodio da serie de Voz Audiovisual cun programa especial gravado en Laxe

14 ene 2019 . Actualizado a las 13:03 h.

Televisión de Galicia celebra esta noite o aniversario da emisión do primeiro episodio da serie Mareas vivas cun programa especial gravado en Laxe e aderezado coa presenza de moitos dos actores e actrices protagonistas

En xaneiro de 1999 preto de 270.000 espectadores galegos sintonizaban o primeiro episodio de Mareas vivas, unha produción de Voz Audiovisual para TVG, e quedaban enganchados ás súas tramas que combinaban comedia, drama e humor; aos seus personaxes recoñecibles e a uns exteriores que coprotagonizaban as secuencias.

Dende ese momento, Mareas vivas converteuse nun auténtico fenómeno de audiencias, e a ficticia vila de Portozás era o lugar no que moitos dos seus espectadores desexaban vivir. A serie, que tiña unha duración inicial de 13 episodios, renovouse ata chegar aos 150 capítulos repartidos en once temporadas e mantívose en antena ata o 2002.

O éxito da serie tamén supuxo a reivindicación da forma de falar da Costa da Morte e foi un auténtico revulsivo turístico para Laxe, que acolleu a maior parte da gravación dos exteriores da serie.

Para celebrar o aniversario de Mareas vivas, Televisión de Galicia emitirá esta noite un especial para o programa Inimitables gravado na lonxa de Laxe. Na rodaxe participaron algunhas das actrices e actores que formaron parte da serie, como Isabel Blanco, Carlos Blanco, Ana Santos, Xaquín Caamaño, Santi Romay ou Patricia Fernández, que, arroupados polos laxenses, volveron á ficticia vila de Portozás por un día.

O programa tamén conta coas actuacións musicais de Mercedes Peón, que puxo voz á sintonía da serie, as gaitas de Maruxía, ao grupo de pandereteiras de Andora ou O Tren da Unha, entre outros.