Rabo de Peixe, a vila que mordeu a mazá

Brais Suárez
Brais Suárez PONTA DELGADA

TELEVISIÓN

NETFLIX

Unha serie de Netflix, que acaba de confirmar segunda tempada, foi recibida nas Azores con temor de que se reforzaran os estereotipos que sofre dende que máis de media tonelada de cocaína aparecera nas súas costas en 2001

19 jun 2023 . Actualizado a las 11:16 h.

Nas Azores, a natureza lémbranos que estamos nun Portugal distinto, tropical, coas súa propia lóxica. Abonda ollar o mapa para entendelo: a terra firme do continente atópase a máis de 1.500 quilómetros destas illas que son case tan americanas coma europeas. O visitante queda condicionado por un carácter ultramarino. Calla unha sensación de desprotección ante o Atlántico, que se espalla co seu cheiro a humidade e os seus antollos salvaxes. O océano actúa coma escudo e coma agresor, coma illamento e coma conexión con forzas impredicibles. Algo que, se cadra, explica o arraigamento da fe relixiosa na poboación local.

Esta relixiosidade revélase en cada recuncho das cidades, nas súas igrexas, festas, nas tendas de figuras e iconas relixiosas, nas bandeirolas que penduran das fiestras de São Miguel, a maior illa do arquipélago. A fe, coma submisión a unha vontade superior, xa sexa á do océano ou á de deus, é un dos motivos recorrentes da serie Rabo de Peixe, así titulada pola freguesía na que transcorren os feitos.

A produción, que acaba de confirmar a segunda tempada, está a ser unha sensación en Portugal, fachendoso de levar, cunha produción propia, unha das súas máis negras crónicas de sucesos até o público internacional. O seu director e guionista, Augusto Fraga, relata como en 2001 incontables fardos de cocaína chegaron á ribeira norte da illa trala avaría dun barco de narcotraficantes italianos. Trátase dun lugar afastado, aburrido, pobre, dunha inocencia virxinal. Os micaelenses parecen non entender que é esa substancia fariñenta. Moitos caen enganchados, sucédense os infartos, as sobredoses, a violencia. Mais outros ven a súa oportunidade de se faceren ricos. A illa sube de revolucións, convencida de que está ante outro castigo divino... ¿ou non será un premio, a primeira vez que Deus se lembra deles?

Morbo e caricatura

A impoñente natureza azoriana, pura coma a inocencia dos insulares, o seu desamparo e a súa fe, aparecen todos retratados neste idílico Edén, apenas corrompido até que Rabo de Peixe mordeu a mazá. Reflectir ese aquel bíblico e esa historia de madurez é posiblemente o meirande mérito dunha serie baseada «moi lixeiramente» en feitos reais. Porque en efecto, a media tonelada de cocaína regando unha vila de sete mil persoas foi algo tan real coma as súas consecuencias, aínda presentes. Pero a serie prefire esquecer estas últimas, cunha narración e produción que semellan tamén o resultado de varios quilos de estimulantes e que prefiren o morbo do descoñecido e do prohibido. Rabo de Peixe é o clásico produto manufacturado de Netflix, onde unha montaxe estridente e uns personaxes caricaturescos seguen na liña doutros éxitos como Narcos, que romantizan a vida de narcobandoleiros. O propio director, Augusto Fraga, o recoñece: «Para nós, o público non é un detalle; non hai lóxica ningunha en facer televisión e cine se non é para chegar ao maior número de persoas posible». Só a sofistican puntuais picos de ironía, críticos co tratamento xornalístico da historia.

Camiñando polo concello da Ribeira Grande (onde está Rabo de Peixe), custa sacar un relato concreto sobre os feitos. «Si, lémbrome daquilo, pero non sei, non estaba alí», di unha muller. «Seica vai saír unha serie nunhas semanas», dicíame hai un mes o rexente do meu hotel. «Eu era pequeno e só sei que foi un grande escándalo». As respostas sempre son evasivas, coma temerosas de incidir nuns estereotipos que xa castigaron dabondo á rexión. De aí que a serie se agardara con preocupación. Pero «a comunidade nunca se sentiu tan abrazada», dicía ao xornal Público María Couto, activista local, que recoñece que, malia aos estigmas, si se achegan realidades distintas.

«Aquí a historia é moi famosa, e acotío sinto que a xente a emprega coma escusa pola situación da illa», di Rafael, médico de Azores. «Especialmente, a Ribeira Grande é unha zona moi marxinada e difícil de tratar», recoñece. E, mirando derredor, enténdese por que.