Esta noite ás 22.00 horas cinco novas parellas aterran no concurso
30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Atrápame se podes. Dúos incribles volve esta noite á Televisión de Galicia cunha nova semana de especiais de Nadal. Cinco novos dúos de famosos encherán o estudio de baile, risas e preguntas no horario habitual do programa, as 22.00 horas.
As novas parellas desta semana de especiais do Atrápame son a polifacética Eva Iglesias e a presentadora Esther Estévez; a actriz e presentadora María Mera e a tamén presentadora María Lamela; a cantante da Orquesta Panorama, Fátima Pego, que fará dúo co produtor musical Iago Pico, recoñecido por temas como Terra das Tanxugueiras; Sauro Martínez, capitán no programa Pescal total, estará acompañado de Sara Torreiro, a responsable de Márketing e RSC de Casa Grande de Xanceda; e, por último, haberá unha parella formada por dous exconcursantes, Iván Pantín e Sonia Gándara, os afortunados que gañaron os botes máis altos do Atrápame.
A duración destes especiais increméntase a 45 minutos e os famosos serán postos a proba coa rolda rápida de preguntas, a fase dos retos, os premedores e os característicos chanzos. O dúo incrible que suba ata o quinto chanzo xogará o «Minuto final», no que terá que responder correctamente a cinco preguntas temáticas en 60 segundos para poder gañar o bote.
O premio do Atrápame se podes nestes especiais de Nadal de famosos é solidario. Esta noite partirase de 1.500 euros e Paco irá sumando en cada programa outros 1.500 euros á cifra acumulada. En caso de que os famosos que xoguen o minuto final non acerten tódalas respostas, doaranse 1.000 euros á asociación correspondente. A maiores, se ningunha parella consegue facerse co bote, os cartos do mesmo repartiranse de maneira equitativa entre as asociacións no quinto programa.
Esta noite a beneficiaria será a Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes (ANEDIA) e no resto de programas a Federación de Alzhéimer de Galicia (FAGAL), a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Múltiple (AGAELA), Down Galicia e a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
A emisión destes programas especiais de Nadal coincide coa boa nova que acaba de recibir o formato, elixido Mellor Progarama de Televisión Autonómico nos Premios Iris 2024, uns galardóns da Academia da Televisión, que escoulleu ao conxunto dos Atrápames autonómicos como gañadores deste recoñecemento.