Marcos Nine: «''Historias de aquí'' é unha forma de coñecer a nosa historia de maneira entretida»

TELEVISIÓN

Esta produción foi para el un reto e comparte o premio co seu equipo
22 mar 2025 . Actualizado a las 10:42 h.Marcos Nine recibiu o pasado sábado o premio Mestre Mateo á mellor realización polo programa Historias de aquí, producido por Voz Audiovisual para a TVG.
—Noraboa polo premio, ¿pensaba que podían darllo?
—Levo oito, pero non mo esperaba. Esta era a primeira vez que participaba con un programa como o de Historias de aquí. A forma de traballar é moi distinta a como estaba a facelo. Entón é unha categoría na que te sentes un pouco novato. Foi un momento moi bonito e que me fixo sentir un pouco como a primeira vez. Recibín outros sete, nas categorías de documental, obra experimental, montaxe e guión e estaba igual de nervioso ca primeira vez que fun nomeado.
—Eran categorías diferentes ao formato de «Historias de aquí».
—Estaba acostumado a categorías que teñen máis que ver co cine. Cando fago un documental, por exemplo, a maioría das decisións tómoas eu. Para ben e para mal. E doulle moitas voltas antes de soltar a película. Aquí os ritmos son moitos máis apertados, co que fai que non teñas tanta seguridade en cada paso que das.
Este era tamén o reto, de ser capaz de traballar e sacar un proxecto adiante, que os tempos máis curtos. Nese sentido estamos bastante contentos dos resultados.
—O galardón compartiuno con todo o seu equipo.
—Todos os premios son colectivos. Non ten sentido pensar que o traballo de un é o destacado, as obras audiovisuais, en xeral, dependen dun montón de xente, e todos son como ligazóns da mesma cadea que se van engarzando uns cos outros. No meu caso, o feito de ser realizador é que os traballos de todo o mundo van dar a ti, dunha forma ou doutra.
O feito de que sexas ti quen recibe o premio é un pouco inxusto no sentido de que non reflicte a dimensión de todo o teu proxecto. Por iso, cando subín recollelo, para min o importante era que fora un premio compartido con todo o equipo.
E o considero en parte como un regalo que me fan eles a min con o seu traballo, que fai que sexa o meu o que loce.
—Que retos ten unha serie como «Historias de aquí», que mestura ficción e realidade?
—A verdade que é un reto e tamén é un perigo. Porque son estas cousas que non sabes moi ben como van a callar. No momento de facer un formato así, como que nos tiramos o aire sen rede e tivemos que romper un pouco os cornos para ver como xuntábamos realidade e ficción.
Pero o final, o bo de todo isto é que a ficción permite transitar por sitios que nunca podes chegar desde a realidade ou ben porque non tes eses puntos de vista ou porque non te pensaches esas situacións. E axudan a entender o espazo real xerando situacións que son ficticias, pero que axudan o espectador a comprender mellor algunhas realidades. E creo que se complementan moi ben unha cousa e a outra.
—Cal dos episodios foi o que máis o impatou ou lle custou?
—A ver, como complicado, pero dos que estou moi contento, está o dos Aneis de Santo Estevo. Había que pensar que ficción facíamos aí. E ao final decantámonos por unha especie de código da Vinci, sen tramas escuras, pero con un punto así de thriller de época, onde mesturas distintos momentos dentro da mesma personaxe. E creo que quedou moi entretido. E despois, o que máis me tocou foi o do Mar Exeo. Para min é a gran epopea do noso tempo. E eu a primeira vez que dirixín un documental foi sobre o Prestige. Eu son da Illa de Arousa e daquela o impacto foi demoledor na zona. Neste caso, volver ao Mar Exeo era volver ás mesmas sensacións. A min tocoume moito.
—Que lle diría alguén que aín da non viu a serie?
—Fai unhas semanas derónnos un premio da Galega, dentro dunha categoría que se chamaba Para saber máis de nós. Eu creo que define perfectamente o que é Historias de aquí. Se queres coñecer algo da nosa historia e ao mesmo tempo pasar un momento entretido. Creo que somos un programa que mestura entretemento e historia e que é unha forma de achegarse a feitos que nos marcaron desde unha óptica máis amena.