O travelling do teléfono móbil

Camilo Franco

VIGO

Cada espectador de Cans convértese no realizador da súa curta grazas ao aparello que ao tempo serve para facer fotos de todo canto famoso se deixa cazar no Torreiro

24 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No Festival de Cans non hai ninguén sen cámara. Igual é un exceso. Non se distinguen as cámaras de vídeo das fotográficas e os espectadores fan travellings de quince minutos cos seus teléfonos móbiles. É de balde e iso facilita moito as cousas. Pero así a todo, ¿que fará a xente con tantas horas de gravación e tantas fotos? ¿Borralas?

Nunca máis fotos. O éxito dos concertos xa non se mide polos aplausos, polos bises, pola cantidade de mans levantadas nin sequera pola cantidade de xente que corea as cancións. Os éxitos dos concertos mídense pola cantidade de fotos que fai a xente en cámaras de peto ou en teléfonos móbiles. Kiko Veneno goleou na noite de Cans e deuse ao rosario continuo de xente levantando o móbil para tirarlle unha foto vertical a esa certa seriedade que o cantante cambiou só contra o final do espectáculo.

Palabras para Cans. A noite de Cans quedou partida polo medio como algúns personaxes de Venres 13. Primeiro saíu a ciclónica Teté a darse un paseo enerxético polos 50. Enerxético quere dicir con ritmo e sen nostalxia. Logo saíu Kiko e a noite cañera volveuse desa melancolía irónica que está ben pero non está para dar botes. Veneno saíu tirando a frío e foi entoando a tensión quizais arrastrado polo feito de que a xente do Torreiro foi capaz de poñerse a bailar Palabras para Julia. En sentido convencional, Teté Delgado descargou a tormenta e Kiko Venenon aproveitou a calma, pero se te sobes ao Torreiro non é para ser lírico. Non chegou ao punto de Teté ni do que habitualmente descarga Lamatumbá, pero contra o final deixouse ir no contaxio da noite e o público, cámara en man, agradeceullo.

Documentalismo e paixón. Manuel Martín Cuenca explicou algunhas razóns do cine documental seguindo o dito de que non é un cine para alfombras vermellas. É un cine de observación no que é necesario encontrar un «ángulo de ataque» para contar a historia. O director relacionou algúns dos problemas de facer cine hoxe lonxe de calquera síntoma comercial. Entre outras cousas porque o director considera que o cine comercial ten como destino deixar as salas baleiras. Cuenca explicou que para facer cine hai que ser apaixonado e que os que teñen o poder do cine comercial non o son. Esqueceu considerar que son apaixonados do poder e sempre quedan con el.