A redondelá confía en superar a eliminatoria do play-off
21 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xeila Márquez (Redondela, 1989) está a vivir con El Olivo a súa segunda fase de ascenso a Primeira División. Xogouna co Reocíng Racing, co que subiu á máxima categoría, e agora loita co equipo vigués por repetir o éxito. «Por moita experiencia que teñas neste tipo de situacións, sempre te pos nerviosa. Nós temos que tentar dar todo o que sabemos», adianta a mediocentro.
-¿Confían en remontar ese 2-1 da ida e superar a eliminatoria?
-Si, somos moi optimistas e temos moitas ganas de seguir para diante. O domingo estabamos todas un pouco fastidiadas porque pensamos que podiamos ter conseguido un resultado mellor. Tivemos tres ou catro oportunidades moi clara que erramos e nun par de despistes defensivos encaixamos. Por sorte, recompuxémonos e ese goliño na recta final deunos moita vida. Estamos todas moi seguras de nós mesmas. Creo que nos faltou unha pinga de sorte.
-¿O Femarguín era o rival que agardaban?
-Si. O noso adestrador, David, dixéranos que nos iamos atopar un rival moi forte, que usa bastante fútbol directo e que ten tres xogadoras importantes arriba, e todo o que nos adiantara, cumpriuse. Nese sentido non tivemos sorpresa. Aínda que eu non estaba no equipo o ano pasado, vira o partido contra o equipo tinerfeño que lle tocara a El Olivo o curso pasado, e este parece máis asequible.
-¿Que as asusta máis para a volta, o rival ou os nervios?
-Ao rival témoslle moito respecto, pero eu diría que máis os nervios que outra cousa. Temos que estar tranquilas, confiar en nós e xogar como sabemos. Temos que defendernos ben durante os noventa minutos, aínda que sabemos que é difícil non cometer ningún erro, e despois confiar nas nosas goleadoras, porque temos calidade e seguro que marcaremos.
-¿Cal vai ser a chave da remontada?
-Temos que tentar marcar cedo, porque na ida xa vimos que na primeira metade, cando nós creamos moitas ocasións, elas desesperábansse, e co 2-1 sucedeu o mesmo. En canto marquemos un gol elas poranse nerviosas.
-El Olivo gañou con claridade a Liga, ¿O nivel da fase é máis alto?
-Poderíase dicir que o Femarguín ten un nivel superior ao da maioría dos equipos cos que nos atopamos na Liga. Tamén é certo que nós gañamos moi cedo a Liga e nos últimos partidos xa non competimos ao mesmo ritmo. Quizais iso tamén nos puido pesar un pouco.
-¿Neste partido os seareiros son dobremente importantes?
-Si, pero nós temos uns seguidores moi fieis e seguro que nos apioarán.
xeila márquez centrocampista de el olivo