Unha placa na casa da rúa Policarpo Sanz, onde viviu, recorda a súa figura
27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Luis Franco Grande foi durante preto de sesenta anos un orgulloso veciño de Vigo. Dende onte, o seu fogar estará para sempre na cidade que amou. Unha placa descoberta nos números 36-38 da rúa Policarpo Sanz lembra «ó poeta, escritor, membro da Real Academia Galega e avogado». Son só algunhas das moitas facetas que adornan ao lexicógrafo nado en Tebra (Tomiño) en 1936 e finado o pasado ano en Vigo.
Nun acto emotivo a pé de rúa, promovido polo Concello de Vigo, todo foron loanzas á súa figura e ó seu talento. «Uns dos grandes poetas do século XX e autor dun libro memorialístico fundamental sobre a súa xeración, Os anos escuros», dixo o escritor e expresidente da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero. Destacou a súa faceta como lexicógrafo, dramaturgo e traballador na radio «en momentos heroicos». Grande foi tamen artículista e plasmou a súa pluma durante moitos anos en La Voz de Galicia.
O actual presidente da RAG, Víctor Freixanes, recordou os primeiros encontros na Penzol con don Paco (Fernández del Riego) e Xosé Luis (Franco Grande). «Se reunían alí a soñar e falar do país». Do seu diccionario galego-castelán, dixo: «Foi un dos grandes best seller moitos anos e un maxisterio para nós». Na súa terra lle enseñou onde estaban as palabras: «Agochadas na terra agardando por nós».
Destacou a súa personalidade, convencido da liberdade e do europeísmo e con un gran sentido común, «tan importante na política». «Era un home moi discreto e aparentemente moi tímido», que axudou moito a que o camiño á esperanza sexa posible».
O momento máis emotivo chegou coas verbas das súas fillas Rosalía e Navia Franco Barreiro. Tampouco faltaron os netos do escritor: Miguel, Juan y Clara, agás Candela, que se atopa no estranxeiro.
«Un edificio é máis que un lugar no que se vive, é un fogar. E neste fogar residiu o noso pai máis de corenta anos coa súa familia: a súa muller Marián e as fillas», lembraron Rosalía e Navia. Tamén recordaron que o seu pai era un incansable paseante polas rúas de Vigo, onde buscou inspiración desde comezos dos anos 50, década na que chegou de Tomiño para estudar no instituto Santa Irene. Neses paseos cruzouse con moitos vigueses, ou coma el, vigueses de adopción, como Camilo Gonsar, Ramiro Fonte, Paco del Riego, Álvaro Cunqueiro, Xohana Torres, Landeira Yrago, Carlos Oroza, Xaime Isla e moitos outros cos que compratiu cultura e amizade. «Porque o noso pai era inmensamente culto, polo que sabía e lía, pero tamén polo moito que cultivou a amizade».
O peche do acto correspondeulle ó alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen destacou que «Xosé Luis Franco Grande permanecerá para sempre na memoria da cidade e de Galicia, e este acto solemne é a proba».