Unha viguesa e a súa nai crean a primeira guía expresionista das herbas de San Xoán

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

Paula Lago, arquitecta e artista, e Dores Pereira, filóloga, xa fixeran varios contos xuntas: O Torreiro, Medo Verde e O Pan

20 feb 2022 . Actualizado a las 13:43 h.

Guías para coñecer e recoñecer as herbas de San Xoán hai dabondo, pero a que tiña en mente Paula Lago non se parecía en nada ás existentes. Segundo conta a arquitecta e artista viguesa, enredou neste proxecto á súa nai, a profesora de galego Dores Pereira, para que lle axudara, ademais de corrixindo os textos, como depositaria dunha información que vén transmitíndose de xeración en xeración na contorna familiar e veciñal que vén das súas orixes en Atios (O Porriño).

Así naceu o libro Herbas da Noite. Unha guía expresionista das Herbas de San Xoán. Para sacar adiante a edición argallaron unha campaña de micromecenado a través de plataforma Verkami, que foi un éxito fulminante.

Sobráronlles días para acadar os 3.500 euros que solicitaban para a impresión do libro do que sacarán unha edición de peto 900 exemplares, ilustrado con 100 páxinas a toda cor e unha edición especial de 100 en tapa dura. A súa irmá, Elia, colabora cos vídeos e as fotos da promoción.

«A cousa foi que a miña nai, que é filóloga, tiña un manuscrito no que levaba anos compilando o que lle contaran as veciñas», unha recollida de tradición oral e cantigas, que completou documentándose con biografía.

A tradición di que hai que saír a apañar as herbas á tardiña do día antes de San Xoán, metelas en auga pola noite a serenar, e pola mañá lavar a cara con esa auga perfumada. No proxecto etnográfico de nai e filla conflúen o artístico e a tradición. «Eu collín o texto dela, que reúne 27 plantas, as que se recollen na nosa zona, porque hai diferenzas en canto ao número entre uns e outros territorios» explica recordando que as básicas son sete, pero hai moitas máis que falando coa xente foron engadindo á listaxe. Partindo desa base, Lago pensou engadir a parte gráfica dunha maneira diferente a un catálogo botánico. «Apetecíame iluminar o texto dunha maneira diferente», di recoñecendo que iso fai que sexa más difícil identificar as variedades sobre o terreo, pero o soluciona incorporando códigos QR para cada planta, e así o libro remite ao lector a unha información científica e exacta, para que tamén teña esa utilidade como guía.

«Nós fixémolo para que perdure a información que non está nos libros, porque as depositarias desa sabedoría son, a maior parte, mulleres e maiores, e con elas vanse estes coñecementos se non se gardan e se transmiten», argumenta. Pero engade que tamén está pensado para que quen traballa en contacto con esas herbas, as valore. «Moita xente que limpa o monte non as coñece, e deles depende en boa medida que se manteñan as especies», xustifica. «Se as cousas van ben, imos preparar, ademais, unha unidade didáctica para estudantes», engade.

A súa nai é profesora de secundaria no IES Val do Tea, en Ponteareas. Paula ten 37 anos e é licenciada en Arquitectura pola Universidade de A Coruña e desde hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura. «Traballei varios anos nun estudo pero estouno diversificando. Sigo exercendo, pero progresivamente entrando no mundo da pintura e da edición», conta.

Respecto á campaña de crowfunding, conta que pediu unha axuda pequena por medo a non acadar o obxectivo, e logo de rematalo, se tiñan máis dentro do prazo, mellor. Aínda lles quedan 14 días para sumar apoios que invertirán na mellora da edición.

Ela pensa que o apoio masivo ven do entusiasmo xerado no entorno. «Os dous primeiros días xa estábamos ao 50 %, foi o pulo inicial, e iso anima á xente que o ve a sumarse», valora. No é o seu primeiro proxecto xuntas. Colaboran nunha triloxía de contos inspirados na infancia de Dores, nun contexto de escuro realismo máxico rural: O Torreiro, Medo Verde e O Pan. «Sempre escribiu, pero nunca se atreveu a publicar e así a animaba», recoñece a filla.