Mulleres esquecidas da historia de Tui

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Juan Vila

O investigador Suso Vila creou un percorrido polo pasado feminino da vila

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo e unha historia en masculino borrou o pasado de moitas mulleres que fixeron posible o presente de hoxe. «Hai milleiros de antigas tudenses que foron moi relevantes no crecemento de Tui e que, desgraciadamente, ninguén coñece», explica o historiador Suso Vila. Leva media vida mergullándose en arquivos de toda España para dar un pouco de luz ao pasado do seu Tui natal. «A nosa historiografía está escrita en chave masculina e é moi difícil atopar algunha cita de relevancia destinada a mulleres», indica. Vila, sabendo que hai unha débeda histórica, deseñou unha ruta polas mulleres esquecidas de Tui que estreou onte a tarde xunto a asociación de Mulleres Feministas Berra!. «Hai moitas das que é moi difícil atopar información», pero o percorrido polo casco vello de Tui fala de raíñas, ilustradas, meigas queimadas na fogueira, xudías perseguidas pola inquisición, tripeiras ou boticarias.

O percorrido comeza na praza da Inmaculada, alí, unha gran figura de Rosendo Salvado lembra ao misioneiro tudense. Aos seus pés hai unha muller indíxena racializada e sexualizada. «Non o fixeron con mala intención. Era a imaxe da época», indica Vila, que comeza aquí a ruta «porque é interesante ver como a historia da arte mostra a homes e a mulleres», explica Vila. O camiño continúa pola rúa Ordoñez, sede do antigo mercado de Tui. «A historia deste lugar está escrita por mulleres». Aquí había peixeiras, froiteiras e outras tantas mulleres de orixe humilde que se gañaban a vida xuntas. «As melloras desta zona e os dereitos que se foron gañando foron vitorias únicas e exclusivas dunhas mulleres que protestaban e loitaban polo seu», indica Vila.

Subindo cara a catedral, Vila para ao lado dunha farmacia, pero sinala unha casa que hoxe é un comercio. «Aquí tiña a súa botica Ana López, unha muller que, malia que a súa propiedade estaba ao nome do seu marido como marcaba a lei, deixou ben claro en documentos que asinaba que a botica era dela». Ela é unha mostra que entre a burguesía tudense tamén había mulleres como Teresa Pérez, «a bucheira», que no século XIV rexentaba un importante negocio de venta de tripas para facer comida ou candeas co sebo. «Foi unha muller poderosa, que polo seu traballo e polos seus cartos participou de maneira individual, sen precisar ir do lado dun home, no culto de varias capelas da área». Outras traballadoras destacadas foron María Fernández e María Lourenza, dúas ferreiras que construíron as reixas do actual convento das Clarisas no 1625.

O historiador Suso Vila
O historiador Suso Vila

Na rúa Entrefornos hai outra parada de relevancia. «Aquí viviu Josefa Correa no século XVIII, a primeira muller que entrou na Sociedade Económica de Santiago e a única tudense de relevancia intelectual a nivel galego durante a Ilustración». Uns metros despois, a ruta pasa pola rúa Sanz, alí está a antiga cárcere modelo de Tui. «Neste edificio pecharon a moitas mulleres polo único feito de ser pobres ou prostitutas», indica Vila. Unha das mulleres que pasou por aquí foi María Rodrigues, «unha feiticeira portuguesa que detiveron en Tui e logo a queimaron na fogueira en Santiago», explica. Era unha muller que dicía que lía o futuro e que vendía feitizos para gañarse a vida. Acabou no cárcere por denuncias de veciños que pensaban que un incendio ou outra desgracia fora a súa culpa.

Tamén acabou no cárcere, neste caso no da Inquisición, Antonia Sarabia. Foi denunciada por practicar o xudaísmo en segredo e salvou a vida por ter moitos cartos. «Esta muller foi a líder da comunidade xudía conversa da provincia no século XVI. Persoas de Pontevedra e de Vigo viñan ata Tui para asistir a ritos que ela dirixía. Debemos lembrar que os únicos ritos xudeus que sobreviviron en España despois da súa expulsión no 1492 foron os domésticos, os que protagonizaban as mulleres», lembra Vila.

Na catedral tamén hai varias figuras de mulleres que participaron na súa construción, pero que se perderon na historia. Na fachada principal hai tres rostros de mulleres, «probablemente foron mecenas», que quixeron deixar a súa sinatura na pedra. Non querían que o seu traballo e legado fose silenciado polo paso do tempo e por unha historia que, ata hoxe, «sempre se escribiu en xénero masculino».