María Emilia Casas, doutora «honoris causa» pola Universidade de Vigo: «Foi clave para ampliar a igualdade no noso país»

AINHOA PÉREZ VIGO / LA VOZ

VIGO

El rector de la Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, presidió el acto en el que Casas Baamonde se ha convertido en doctora Honoris Causa.
El rector de la Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, presidió el acto en el que Casas Baamonde se ha convertido en doctora Honoris Causa. XOAN CARLOS GIL

A catedrática de Dereito do Traballo e primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional defende un «cambio radical» das políticas da Unión Europea

18 oct 2024 . Actualizado a las 21:11 h.

A primeira muller en presidir oTribunal Constitucional, María Emilia Casas Baamonde, foi investida esta mañá como doutora honoris causa pola Universidade de Vigo. A xurista natural de León, cuxos pais son de Monforte de Lemos, recibe por terceira vez unha condecoración deste tipo e convértese na primeira muller xurista en incoporarse ao claustro de doutores honoris causa da institución viguesa. Na súa traxectoria destacan premios de gran relevancia, entre os que se atopa o Premio Fernández-Latorre no ano 2017.

Casas Baamonde foi a primeira catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social de España. No ano 1998 ingresou no Tribunal Constitucional, sendo o membro máis novo na historia da institución, e desde o 2004 ata o 2010 foi a primeira muller en presidir o Alto Tribunal.

Durante a cerimonia celebrada na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués, Jaime Cabeza Pereiro, tamén catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, exerceu como padriño. No seu discurso houbo espazo non só para o ensalzamento da carreira laboral da doutora, senón tamén para reivindicar o seu papel como impulsora de medidas que loitan contra as diferenzas e a discriminación de xénero. «Ingresa neste claustro alguén que testemuña o dereito fundamental e os principios de igualdade e non discriminación por enriba de todo», sinalou Cabeza. Este deixou un recado para a súa propia universidade: «Aínda non chegou o tempo de ter a primeira reitora e é un reto inaprazable para a nosa institución».

María Emilia Casas, que fixo un pequeno repaso sobre a súa carreira xudicial e académica, falou no súa intervención das circunstancias sociais, políticas e xudiciais nas que se atopa a Unión Europea. Na súa alegación, dedicada ao traballo e aos dereitos, sobre todo o do acceso á información tecnolóxica, centrou a súa atención na necesidade que ten a Unión Europa de propiciar cambios radicais no mercado que permitan competir con Estados Unidos e China. Ademais, na parte máis xurídica e reflexiva do seu discurso non se esqueceu de lembrar que este doctoramiento «marca un fito moi importante, inesquecible, na miña vida».

O acto durou case dúas horas e estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que foi o encargado de abrir e pechar a cerimonia. Tras pedir á catedrática que recitase o seu xuramento e entregarlle o colar e as luvas brancas, exclusivos dos doutores e símbolo de pureza, comezou a súa intervención nomeando o famoso discurso de Martin Luther King sobre a liberdade, a xustiza e a igualdade: «Non se pode soñar cun mundo mellor sen ter en consideración o afán de xustiza e igualdade». Reigosa fixo especial hincapé no papel de Casas Baamonde á hora de romper teitos de cristal: «Foi clave para ampliar a igualdade non noso país». E non se olvidou tampouco do que supuxo que fora a primeira presidenta do Tribunal Constitucional. «A súa excelencia académica permitiulle presidilo».

Con respecto á loita pola igualdade, o reitor deixou claro que «aínda queda moito por facer» e que a doutora se une a unha institución que está comprometida coa consecución da equidade entre homes e mulleres.

Ao acto non só acudiron académicos galegos, senón que tamén viaxaron ata Vigo representantes e compañeiros das universidades ás que a xurista estivo ligada durante todo estes anos, como a Complutense de Madrid, a de León e a de Valladolid. A cerimonia contou coa intervención, ata en tres ocasiones, do coro sénior do campus de Vigo que amenizou a gala.