Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé, Premios Xerais 2024, recollen en Vigo os galardóns cos libros xa nas librerías

B.R.S. VIGO / LA VOZ

VIGO

Xoán Carlos Gil

O director da editorial, Fran Alonso, amosou a preocupación do sector editorial pola situación de perda de falantes do galego

27 oct 2024 . Actualizado a las 02:11 h.

Edicións Xerais celebrou esta mañá no Museo do Mar de Galicia en Vigo, a festa de entrega dos seus premios de novela nas categorías para adultos, xuvenil e infantil, catro meses despois de que se deran a coñecer os nomes dos galardoados no mes de xuño. Xa coas obras editadas e nas librerías, Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé recolleron os trofesos cos seus libros nas mans.  

A xornalista Susana Pedreira foi a encargada de presentar o acto, que inaugurou o director de Xerais. Fran Alonso agradeceu o traballo dos xurados e dos gañadores desta edición, aos que deu as grazas «por bombearnos ese sangue fresco e necesario», nun discurso no que tamén amosou a preocupación do sector editorial pola situación de perda de falantes do galego.

Alonso fixo referencia aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que amosan un gran retroceso no uso do galego, sobre todo entre a xente nova. Neste sentido, reivindicou o papel das editoriais galegas, que traballan coa lingua e «producen incalculable valor intanxible pero tamén, por suposto, riqueza tanxible». Ademais, expresou a súa preocupación pola perda de falantes e a invisibilidade do libro galego e reclamou medidas eficaces contra esta situación: «A lingua é un patrimonio inmenso, un patrimonio monumental que, por certo, non ten ideoloxía e precisamente por iso todas e todos debemos coidar, persoal e socialmente», dixo.

Detective Ferruchi, da xornalista Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973), é a obra que o xurado da 41.ª edición do Premio Xerais de Novela declarou por unanimidade gañadora do certame dotado con 10.000 euros. A obra segue as pescudas tras un asasinato atravesada por un humorístico e irónico que a recorre de principio a fin. A autora falou da idea da literatura como un acto máxico e recalcou a necesidade de manter a capacidade de sorpresa e a imaxinación da nenez como a mellor fórmula para ter unha boa saúde mental. «A literatura e a maxia teñen moito que ver, porque un libro pode converterse nun refuxio, protexerte e mesmo salvarche a vida», afirmou Villar, que como contaba en La Voz, a obra Detective Ferruchi, con moita retranca peronon exenta de crítica social, da voz tamén a «os colectivos minoritarios, as persoas diferentes, as mulleres que co seu sacrificio levantaron un imperio como pode ser o de Inditex, cuxo mérito tamén é delas».

.

Raquel Fernández Fernández foi a merecedora do XVI Premio Jules Verne de  Literatura Xuvenil por I'm Obélix, unha novela coral que retrata o acoso a un neno  nun instituto. O protagonista é un rapaz de 13 anos con TDAH chamado Isma, e a autora  expresou a súa intención de contribuir a «que todo o mundo saiba que non é vago, nin  maleducado, nin parvo, simplemente funciona doutra maneira». Ademais,  destacou que ese personaxe «fíxome mellor escritora e mellor persoa».

  Abel Tomé recolleu o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil por «Milú e o edificio das persoas extraordinarias» agradecendo ao xurado que lle descubrise «matices da obra que eu non vin», sen olvidar o traballo que acompaña ao texto, o da ilustradora Laura Romero, «tan fermoso e artesanal», dixo resumindo a súa novela como «unha historia de persoas que teñen que abandonar o seu país para construín un fogar nun lugar diferente».

Ademais, no acto proxectouse un vídeo de Chus Pato recitando un dos poemas de Sonora, o libro editado por Xerais polo que acadou o Premio Nacional de Poesía  2024 aínda que a autora non puido  acudir ao acto presencialmente. Na festa tamén actuaron os integrantes do grupo Os  Carunchos, que interpretaron o poema A poesía, de Manuel María. A peza forma  parte do libro disco publicado por Xerais neste 2024 titulado Unha gorxa chea de  paxaros e que foi concibido como unha homenaxe ao poeta con motivo do 30  aniversario do grupo. 

A edotorial viguesa lembra que «un dos elementos definitorios» dos Premios Xerais é a composición do xurado. As  persoas que escollen cada ano as obras gañadoras son lectoras que «non teñen relación profesional co ámbito editorial: profesorado, membros de clubs  de lectura, libreiras, persoas que crean contido sobre libros en redes, xornalistas...».  

Nesta ocasión, o xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela estivo  formado por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía  Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun  González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual  conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de  Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en  representación de Xerais, con voz e sen voto. 

O xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil estaba  formado por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez  Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón  Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e  sen voto. 

O xurado da XXXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil estivo formado por Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez  (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da  Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e  escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais,  con voz e sen voto.