
O escritor de Tapia de Casariego, moi ligado a Cee e taména Corcubión, asina O lanzador de coitelos
24 abr 2025 . Actualizado a las 19:36 h.Fernando Castro Paredes é o gañador do Premio Galaxia de Novela 75 anos coa súa obra O lanzador de coitelos, un thriller literario que explora a identidade e a memoria nunha sociedade opresiva. O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o premio «pola súa elevadísima calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante».
Enmarcada no xénero do thriller, O lanzador de coitelos aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso. O xurado quixo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
Na rolda de prensa de presentación do gañador, Fernando Castro Paredes sinalou que «en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura», o que tildou como un premio histórico, poñendo en valor «o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón».
Dolores Vilavedra destacou durante a súa intervención que o xurado seleccionado «representa un abano interxeracional diverso, no que houbo moito intercambio de puntos de vista; facéndose presente a voz das novas xeracións, e tamén unha diversidade e pluralidade de criterio».
Pola súa banda, Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia, fixo fincapé en que «o premio será presentado no Hotel Compostela, en Santiago, porque alí foi cando o 25 de xullo de 1950, tivo lugar a asamblea de constitución de Galaxia».
Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de ensino secundario e desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan A derradeira bala (Editorial Galaxia, 2018), Papiroflexia (Editorial Galaxia, 2021), Pallaso, Sincronizadas e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. No ámbito narrativo, publicou Miss Antropía na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por Entomoloxía para misioneiros.