Cárol Ferreira salva sobre a bucina un punto no primeiro lunar do Asmubal

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A CAÑIZA

Cárol Ferreira, lanzando nunha imaxe de archivo
Cárol Ferreira, lanzando nunha imaxe de archivo Martina Miser

A pivote compensou parcialmente o lastre que supuxo a súa exclusión no treito final por protestar unha acción arbitral, subindo o definitivo 24-24 na Cañiza

19 nov 2024 . Actualizado a las 11:57 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño cedeu o sábado o primeiro punto no que vai de Liga. Un empate a 24 nunha cancha, a do Cañiza, que como ten sinalado o adestrador do líder da Liga, Juan Manuel Costas, se lle dá tradicionalmente mal. Pero tamén un resultado que deixa mal sabor de boca entre o conxunto de Coirón, por canto gañaba de cinco goles a uns dez minutos do final.

Certo é que ao Asmubal lle custou moito dominar o marcador durante boa parte do partido. Ben na portería e na defensa, a ausencia de calquera rastro da orde táctica no ataque que Costas conseguiu inculcar entre as súas xogadoras este ano como sinal de identidade mantivo vivo á Cañiza agardando polo seu momento. E este chegou no treito final, cun parcial de 6-0 facilitado pola exclusión de Cárol Ferreira por protestar unha decisión arbitral. A propia Cárol redimiuse parcialmente ao anotar o definitivo 24-24 sobre a bucina.

FICHA DO PARTIDO:

SAEPLAST CAÑIZA (24): María Machuca, Emma Pérez (1), Sara Carril (5), Carla Rodríguez (8), Lucía Afonso (3), Sabela Vázquez (4) e Arima López (2) —septeto titular—; Penabella, Ana Rodríguez (1), Mencía Payo, Melo e Pereira. 

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (24): Guadalupe Larralde, María Currás, Laura Miniño (7), Eli Méndez (3), Danilza Liranzo (4), Paula Rey (2) e Cárol Ferreira (6) —septeto titular—; Nadia, Raquel Sineiro, Sofía Arangio (1), Uxía, Andrea Cores, Agustina Ballada, Luna, Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 4-4, 5-6, 7-8, 7-10, 10-12 (descanso); 12-14, 14-14, 14-16, 15-19, 19-22 e 24-24.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Jordan Suárez e Daniel Valdés. Castigaron con dous minutos as locais Payo (min 21.05), Vázquez (min 34.20), Melo (45.34) e Paula (48.41); e as visitantes Laura Miniño (7.44 e 9.22), Cárol Ferreira (13.51 e 55.56) e Shaila Fernández (46.56).