O club freta un bus, no que se pode apuntar ata hoxe ás dúas da tarde
13 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A derradeira xornada de Liga será tamén, este sábado desde as 19 horas na cancha do Rubensa Porriño B, unha auténtica final para o Inelsa Solar Asmubal Meaño. O equipo que dirixe Juan Costas precisa gañar ou, como mínimo, empatar para conseguir o segundo billete para a fase de ascenso á División de Honra Ouro Feminina do balonmán español sen depender do que faga, o mesmo día e en horario unificado, o Hand Vall Valladolid ante o Camargo 74.
Consciente do moito en xogo, e tamén do enorme plus que o crecente apoio da súa afección no Pavillón Municipal de Coirón lle proporcionou ó xogo do Asmubal esta temporada, a directiva do club meañés puxo en marcha unha medida excepcional. Con intención de facilitar o desprazamento dos seguidores do cadro saliniense, fretou un autobús, con saída o día do encontro ás 17.30 horas, ofrecendo un asento no mesmo máis a entrada no pavillón do Porriño B por 5 euros, no caso dos xogadores dos diferentes equipos e categorías do Asmubal e mais para calquera menor de 16 anos, e a 10 euros para o resto.
Onte á tarde o número de apuntados na iniciativa do Asmubal achegábase xa ao medio cento, polo que as xogadoras de Juan Costas teñen asegurado unha oitava compañeira nas gradas. A opción do combo autobús e entrada segue dispoñible ata hoxe ás 14 horas. Os interesados poden anotarse chamando ou enviando un wasap ao número 687 090 860.
No deportivo, o Asmubal volveu este martes ao traballo logo de nove días de descanso tras o penúltimo partido de Liga. Un parón que lles permitiu a Eli Méndez e a Cárol Ferreira, dous dos puntais do equipo, recuperarse plenamente das notables molestias físicas que viñan arrastrando desde había semanas.