Miro Villar: «Velaí o pasado e o presente, que o futuro está a escribirse»

La Voz

VIGO CIUDAD

12 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Miro Villar, o outro coordinador do libro, foi encargado de explicar o método levado a cabo para facer a escolma. Sinalou neste senso que se limitou o ámbito da Costa da Morte ao territorio sobre o que hai máis consenso, entre as Sisargas a Fisterra. O presidente de Neria, Ramón Vigo Sambade, aplaudiu a decisión e por non optar pola «Costa da Morte telescópica de extensibilidade infinita».

Así están os autores que naceron nesta supracomarca ou desenvolveron a súa obra neste ámbito. Aínda así, Miro di que hai máis poetas dos que están, pero só escolleron os que teñen obra publicada e, en canto aos clásicos, os que teñen poesía nalgún tipo de recompilación. «Velaí o pasado e o presente, que o futuro está a escribirse», engadiu. Empezaron polo avó poético: Eduardo Pondal. E escolleron a data de publicación do seu libro Queixume dos pinos , en 1886. A última que aparece é María Lado. Dende entón xa se publicaron catro poemarios máis, os de Diego Cousillas, Diana Varela Puñal, Abel Mendes e Alberto Lema.

Os escritores que están vivos foron os responsables de facer a escolla da súas propias composicións. En canto aos clásicos, Miguel Mato Fondo encargouse de escolmar o traballo de Pondal. Xosé Manuel Varela Varela fixo outro tanto co de Enrique Labarta Pose. O propio Miro Villar escolleu os mellores poemas de Victorino Abente Lago, Gonzalo López Abente, Evaristo Martelo Poumán, Antón Zapata García e Xervasio Paz Lestón, mentres que Xosé María Rei Lema analizou a obra de Manuel Caamaño Devesa e Teodoro Morgade.

En fin, que o presidente de Neria considera que Villar e Fraga fixeron «un bo traballo». Antes de rematar quixo reiterar, como xa fixera o día anterior, que a agrupación supramunicipal desprega unha actividade multidisciplinar «e é bo que o faga».

Os poetas incluídos na antoloxía son Eduardo Pondal, Victorino Abente, Evaristo Martelo, Labarta Pose, López Abente, Caamaño Devesa, Antón Zapata, Xervasio Paz Lestón, Teodoro Morgade, Marilar Aleixandre, Mato Fondo, Alexandre Nerium, Paco de Tano, Rivadulla Corcón, Francisco Souto, Miro Villar, Rafa Villar, Serxio Iglesias, Xosé Manuel Varela, Rafael Mela, Estevo Creus, Modesto Fraga, Xosé Manuel Lema, David Creus, Suso Bahamonde e María Lado.