O filólogo e criador de pura raza galega Fernando Groba recolleu máis de 70.000 palabras autóctonas do mundo equino
02 mar 2021 . Actualizado a las 01:04 h.As aparencias enganan. Por iso Fernando Groba Bouza (Ponteareas, 1979) é cuspido ao vaqueiro que interpretaba Robert Redford en O home que susurraba aos cabalos, aínda que non o pareza. O filólogo licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela investiu sete anos na elaboración da súa tese de doutoramento O léxico da hipoloxía no galego oral, un traballo de campo no que recolleu e clasificou máis de 73.333 unidades denominativas. Co estudo dirixido polo docente do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Alexandre Rodríguez Guerra acadou a cualificación de sobresaínte cum laude. Pero é que, ademais, o pontareán -que reside en As Neves, onde exerce como profesor interino en secundaria dende hai dous anos-, é un namorado dos equinos desde que gateaba e está convencido de que a dominación na doma é un erro. «O que teñen os animais é medo, hai que tratalos con respecto e cariño», afirma o experto. Di que comezou a montar «antes que a andar». Esaxera. Groba, que é criador de cabalos de pura raza galega e ten cinco (Lía, Furia, Alecrín, Linda e Lenda do Couto), é tamén concelleiro de Cultura no Concello da súa vila natal. O que nunca se lle pode dicir é aquilo de «chámalle burro ao cabalo» porque te vai levar a contraria.
-Como foi esa investigación que fixo? Por que tan longa?
-Estiven sete anos porque tiven que traballar e facer a tese ao mesmo tempo. Iso son dous traballos. A fase de reunión da bibliografía e preparación da metodoloxía igual non foi tan duro, nin a das entrevistas, que foi a máis divertida, pero había que viaxar e pagalo. Dende o principio busquei algún tipo de contrato, ou tamén bolsa de axuda aínda que non me interesaba tanto porque quería cotizar e porque llas dan aos recién licenciados e eu xa non o era. Non me aventurei e ao final solicitei unha de mobilidade da Universidade de Vigo para quilometraxe. Eran mil e pico euros e me deron 250 euros. Foi a axuda que tiven, ademáis de fotocopias e impresión no programa de doutoramento. Da Administración, nada.
-Como facía para acadar información de campo?
-Do 2014 ao 2017 recorrín boa parte de Galicia facendo entrevistas a propietarios, criadores, tratantes, veterinarios, monitores de equitación, domadores, ferradores, vendedores de artigos de equitación... Cando era preto da casa ía no día e volvía, pero cando fun máis lonxe, a Miranda do Douro, Lobios, Entrimo, Lubián e algúns concellos de Portugal, Asturias, León, Zamora, Lugo e A Coruña, non podía ir e vir, así que planificaba saídas de dous ou tres días no verán, polas horas de luz e mellor meteoroloxía. As pernoctas pasábaas no coche, tapado cun edredón. Non podía permitirme pagar nin hoteis baratos. Do 2014 ao 2015 era lector na Universidade do Miho en Braga e cobraba ao mes 750 euros.
-O que o levou a interesarse polo léxico do mundo equino é porque o vive de cerca ou por algo máis?
-Eso e algo máis. Cando era bolseiro no Instituto da Lingua Galega tiña que facer un traballo e atopei a web da asociacion Pura Raza Cabalo Galego. Na miña infancia sempre tivemos cabalos na casa e sospeitaba de sempre que había unha raza autóctona. Volvín engancharme co tema dos equinos e despois, ao criar cabalos, a ir a concursos de morfoloxía con eles. E non foi nada mal. No 2014 un dos meus gañou o premio ao mellor semental do ano de pura raza galega. Ademais, hai dez anos estiven na directiva da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e fun consciente da importancia dos cabalos en Galicia, económica e socialmente. Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis equinos do país e esa importancia tamén se ve no vocabulario que circula arredor deles. Coa investigación confirmei a sospeita.
-Un exemplo?
-O uso da denominación burra non só para a femia do burro senón tamén para a femia do cabalo. O que en parte de Galicia din egua ou vesta, no sur de Pontevedra, Ourense e norte de Portugal dicimos burra. Ou denominacións que eu usaba en castelán porque non sabía que existían en galego e resulta que as temos. Aos espejuelos lles chaman espullas e asparóns, e ás ranillas do casco se lles di corazón ou almofada. En fin, son miles. Na investigación recollín 73.333 rexistros de unidades denominativas (anatomía, xénero, accións, cores das pelaxes, marcas, capas, enfermedades, curas, etc). Pero hai unha porcentaxe repetida porque hai informantes que teñen a mesma denominación para o mesmo obxecto. As que validei para a tese foron algo máis de 38.000. O resto non porque ía no bloque adicado á doma e a domesticación, tema que é máis alleo aos propios cabalos e que por si solo dá para outra tese.
-Segue criando cabalos de pura raza galega?
-Si, en todo momento, a pesar da traballar na tese no instituto e de exercer funcións de concelleiro de Cutura e Lingua no Concello de Ponteareas, manteño e desfruto dos meus cabalos. Son o meu ocio. Agora teño cinco: tres burras adultas, unha poldriña de 7 meses e un garañón.
-A vostede lle din que é o home que susurra aos cabalos?
-Eu non susurro, pero lles falo ben. A partir do libro e a película, que se basan na experiencia real de Monty Roberts, a doma cambiou moitísimo. A doma natural extendeuse e hoxe somos moito máis respetuosos cos equinos e tamén para ensinalos. O meu pai era de látego, pero eu son de Roberts, de tratar aos animais con respecto e cariño, non con fusta. É mellor.
AdemaIs
A investigación. Aínda que recolleu 73.333 unidades denominativas, moitas se repiten e ronda as 38.000.
En proxecto. Gustaríalle que servise para a elaboración dun dicionario galego da hipoloxía.