Claudia Galego, Saúl Gómez e Erín Míllara gañan o Premio Franco Grande

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; María Antonia Arias, secretaria académica; e Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística conformaron o xurado
Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; María Antonia Arias, secretaria académica; e Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística conformaron o xurado Oscar Vázquez

O galardón, convocado pola Universidade de Vigo, trata de fomentar o galego na investigación xurídica

12 may 2022 . Actualizado a las 01:43 h.

Claudia Galego Sisto, estudante da Universidade de Santiago, e Saúl Gómez e Erín Míllara, da Universidade de Vigo, foron os gañadores da primeira edición do Premio de Investigación Xurídica Xosé Luis Franco Grande, que convoca a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O tema de Claudia Galego centrouse no proceso de descolonización do Sáhara Occidental dende o dereito internacional. «A través dunha axeitada metodoloxía de investigación afonda nos problemas legais e xurídicos que se mesturan con cuestións socio-políticas á hora de analizar a cuestión do Sáhara», explica o xurado. Este traballo foi o gañador da modalidade dedicada ao estudantado en xeral do sistema universitario. A gañadora obtivo un premio en metálico de 400 euros.

A outra modalidade está dedicada al alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e ten a mesma dotación. Neste caso, o xurado decidiu outorgar o premio ex aequeo aos traballos A lei Orgánica 3/2021 de axuda médica a morrer, de Saúl Gómez Argibay, e O dereito á educación nunha lingua cooficial no Estado español, de Erín Míllara.

Os membros do xurado destacaron a calidade e corrección lingüística, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregado nos traballos. Nesta ocasión, estivo formado por Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; María Antonia Arias, secretaria académica; e Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística.

O obxectivo deste galardón é fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica.

O premio leva o nome do avogado Xosé Luís Franco Grande, (Tomiño, 1936- Vigo, 2020) que fora xefe da Asesoría Xurídica de Caixavigo e membro da Real Academia Galega da Lingua. Franco Grande publicou numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega e colaborou con diferentes medios de comunicación, como La Noche ou Grial e en La Voz de Galicia ata o seu pasamento. Tamén formou parte do consello de Editorial Galaxia e destacou como escritor, tanto de poesía como de teatro, aínda que unha das súas obras máis coñecidas é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, que se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, tras a prohibición durante o franquismo, e que vendeu máis de cincocentos mil exemplares.