Jake, estadounidense: «Galicia sen o galego non sería Galicia. En canto cheguei, decidín que tiña que aprendelo»

YES

ADRIÁN BAÚLDE

Este mozo de Pensilvania non necesita o galego para traballar e relacionarse na nosa comunidade. Pero el quixo adquirir un compromiso coa lingua na que reside. Faino porque quere e lle gusta. E aínda que comete moitos erros, non lle importa. El segue intentándoo. Unha valentía que, visto o último informe do IGE, nos falta a moitos de nós

19 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Jake Mozeleski non tería por que falar galego. El é estadounidense, máis concretamente de Pensilvania, e tan só leva vivindo en Galicia tres anos. Ninguén lle pide que fale na lingua de Castelao ou de Rosalía de Castro. Tampouco o necesita para vivir e traballar en Pontevedra. En castelán entenderíao todo o mundo e non tería ningún problema. Pero Jake quixo adquirir un compromiso co territorio no que vive, coa súa lingua e coa súa cultura. E aínda que non o fala tan ben como lle gustaría, ten o propósito de falar sempre que pode nesta lingua, porque lle gusta e, simplemente, porque quere. Os seus veciños, lonxe de quitarlle mérito, encomian a súa valentía. A que nos falta a moitos de nós tras coñecer que por primeira vez na historia de Galicia hai máis castelanfalantes que galegofalantes.

Aínda que naceu moi lonxe de aquí, pódese dicir que Jake é un galego de sentimento. Porque cando fala de Galicia e da cultura galega faino coa man no peito, as palabras sáenlle do corazón, e nótaselle que atopou o seu lugar no mundo. Sabe que se non estivera vivindo aquí, sentiría a mesma morriña que sentimos calquera de nós cando estamos fóra. Unha mestura entre dor e melancolía que é universal a todos nós, pero tamén para el.

«Cheguei hai tres anos xa. Mudeime a vivir aquí, namorei de Galicia e xa quedei. Foi un frechazo», confesa este mozo mestre de inglés. «Vin por un convenio entre o Goberno español e o Goberno estadounidense para ensinar inglés en España a través do programa Fulbright, e a miña primeira elección era Madrid, pero tocoume Pontevedra. As casualidades existen. Pero foi todo un acerto. Estou aquí moito máis a gusto que en Madrid», recoñece.

Nada máis poñer un pé en Pontevedra deuse conta de que o galego está por todas partes. «Ao momento de chegar xa percibín que o galego é unha parte moi importante da cultura. Galicia sen o galego non sería Galicia. É como que non ten sentido. E decidín que tiña que aprender galego para entender mellor á xente de aquí e a súa cultura, pero tamén porque é bo para min e para o meu currículo. As linguas son unha riqueza», comenta.

«Encántame a cultura galega. Se non fose así, non quedaría aquí durante tres anos. E tamén me gusta moito á xente. Ao principio pode resultar que é un pouco fría, pero logo é moi aberta e en canto colles confianza tes un amigo para toda a vida», di.

Algo propio da terra

Se tivera que quedarse co que máis lle gusta do galego, sen dúbida, elixiría o que supón esta lingua para os galegos: «E que é unha representación da xente. É unha parte integral da súa cultura. Iso é o que máis me gusta. É algo propio da terra. Eu podo falar castelán en Galicia, en Madrid, en Arxentina, en México, pero se quero falar galego só o podo falar en Galicia». Tamén considera que aprender esta lingua permítelle entender máis a súa xente. «Podo apreciar como son, como pensan, como senten. Penso que é moi importante falar cunha persoa na súa lingua materna, porque é moi diferente facelo noutro idioma. Incluso parece que temos diferentes personalidades en cada lingua. Cambia, se falo con alguén en castelán cando esa persoa sempre fala galego. Non quero dicir que pareza outra persoa, pero si que podes apreciar diferentes aspectos, é como un lado distinto de quen fala», aclara.

O galego que fala Jake non é normativo, sábeo moi ben, por iso ten en mente apuntarse ao próximo curso na Escola Oficial de Idiomas para melloralo. Pero mentres tanto, el insiste en practicar con todo o mundo. «Eu non falo moi ben, pero sempre estou aprendendo e practicando. Iso si, entendo todo. E gústame moito o respecto que hai entre as linguas en Pontevedra. Ademais, encántame que a xente me fale en galego, porque é unha maneira de dicirme que confían en min e que queren compartir comigo unha parte da súa cultura. Iso é moi bonito. Poderían falar comigo en castelán, pero deciden facelo en galego e eu valóroo moito».

Tamén sente que a xente é moi paciente con el cando fala en galego. «Sorpréndense ao verme falar en galego. Sempre me din que cando me escoitan, pensan: ‘Que fai este rapaz falando o galego?' Pero penso que tamén lles gusta ver que me esforzo por aprendelo, aínda que eu sinto un pouco de vergoña de non falalo ben. Pero eles din que se quero practicar, non hai ningún problema. Todo o contrario. Dálles igual que me equivoque e eu agradézoo. Unha compañeira miña sempre di que o peor galego é o que non se fala. E niso ten razón. Así que eu intento mellorar como podo e desfacerme da vergoña», comenta.

«O Goberno debería esixirnos un pouco máis como estranxeiros. A mín ninguén me obriga a falar galego e deberían facelo»

Jake explica que antes de vir a Galicia xa coñecía algo da nosa comunidade e da nosa lingua: «Cando estaba estudando na universidade, tiñamos unha auxiliar española que nos ensinou cousas da literatura catalá e galega, e tamén do idioma. Para min foi moi interesante porque nos amosou que España é un país moi diverso. Hai unha grande variedade de idiomas, culturas, linguas e literaturas dentro do país. Así que algo xa sabía antes de vir. Pero, despois, cando cheguei deime conta que incluso hai diversidade entre provincias e entre localidades próximas».

Tanto é así, que este pontevedrés adoptado é capaz de distinguir ata distintos tipos de acentos. «Para min é máis doado entender o galego da costa, porque é a variedade coa que teño contacto. O do interior cústame máis, pero tamén o entendo», afirma.

O que si considera é que a Administración debería esixir á xente de fóra que falen galego se están a vivir en Galicia e limitar os traballos públicos só aos que acrediten que saben falar galego: «Eu podería falar sempre en castelán e non tería ningún problema. O Goberno debería esixirnos un pouco máis aos estranxeiros para que aprendamos a falar galego. Eu fágoo por un interese persoal e cultural, a min ninguén me obriga e penso que deberían facelo. Tamén se quixera presentarme a unha oposición ou optar a algún traballo público deberían pedirme que falara en galego. Así é como o vexo eu».

Por iso, dálle moita mágoa ver que os galegos falan máis en castelán que na súa propia lingua: «Para min é moi triste que durante séculos e séculos sobrevivira a lingua galega, incluso cando se castigaba por falala e estaba censurada, e agora mesmo que temos unha total liberdade para falala, esteamos nesta situación. Dáme tristeza, a verdade. E cando vin isto, sentín dentro de min que aínda tiña que esforzarme máis por falar galego».

Un embaixador de Galicia

A Jake encántalle gozar da cidade que tan ben o acolleu e di que aquí está ben a gusto. Séntese en casa, e nada ten que ver con que a súa cidade natal en Pensilvania teña o mesmo número de habitantes que Pontevedra. Está claro que é un auténtico embaixador da nosa lingua e cultura. Por iso, cando seus pais e irmáns viñeron visitalo, non dubidou en ensinarlles todos os recunchos da cidade e como se vive aquí. Digamos que tirou de orgullo galego: «Gustoulles moito. E aínda que eles non falan nin castelán nin galego, pensan que a xente aquí é moi acolledora e gozaron moito da comida, sobre todo, do marisco. Galicia é un lugar moi especial, cunha xente e cunha cultura moi especial. Ten moita personalidade e iso gustoulles moito».

A expresión favorita de Jake en galego é «mi madriña»: «Expresa moitas cousas. É case perfecta para usala en todas as ocasións». Pero tamén lle gusta moito «avó», aínda que non sabe dicir ben por que. Quizais aí o subconsciente lle está a mandar unha mensaxe oculta e no seu significado aniña o seu desexo de querer envellecer aquí: «A min gustaríame quedarme para sempre. Claro. Ata me gusta o clima. Gústame a choiva, a comida, a cultura, o estilo de vida, as paisaxes... Todo».