O carrillón itinerante mais grande do mundo estará hoxe en Tui

Carmen Novo LA VOZ / REDACCIÓN

AL SOL

A estructura do carrillón alberga mais de sesenta campás.
A estructura do carrillón alberga mais de sesenta campás. .

Con mais de sete toneladas e 63 campás, o espectáculo conta cun repertorio musical amplo

24 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escóitanse os primeiros acordes de O fantasma da ópera. Con esta canción, Ana Elias abre o seu espectáculo de carillón itinerante. Aínda que existen vinte deste tipo no mundo, o seu é o mais grande. De aparencia, un rectángulo negro composto por unha estrutura que serve de soporte. Dentro e á vista, 63 campás de diferentes tamaños que suman un total de sete toneladas de bronce. Ela, desde o seu asento, é a encargada de crear os sons.

A súa paixón polo instrumento vén de anos atrás. «Cando estudaba inscribinme nun curso libre de carrillón», explica esta portuguesa. Contra todo prognóstico, gustoulle, e, a partir dese momento, nunca deixou de experimentar co instrumento. O descubrimento levouna a estudar durante sete anos en Bélgica, na Real Escoela de Carrillão en Mechelen, onde obtivo o seu título oficial de carrilloneira.

Ana Elías é a encargada de crear os sons.
Ana Elías é a encargada de crear os sons. .

Porén, o inicio do seu proxecto veu da man dun concurso. Xunto a súa irmá, Sara Elias, presentou a idea dun carrillón itinerante a un concurso de innovación. «Gañamos, e iso foi o que nos permitiu desenvolvelo», relata Elias.

A partir de materializalo, a artista coñeceu o mundo coa súa creación. Á marxe de concertos realizados no seu país, Portugal, percorreu Europa, Estados Unidos, Rusia, Nova Zelandia e Australia. Hoxe tocará por primeira vez en Tui no marco do Ikfem. O festival xira en torno ao teclado, o que ela emprega para accionar os martelos que fan soar as campás.

Todos os tipo de música

Un dos obxectivos que pretende acadar Ana co seu espectáculo é o de romper fronteiras musicais. «O carrillón é un instrumento tradicionalmente ligado a músicas relixiosas, pero eu quero demostrar que nel tamén se poden tocar cancións populares», explica. Por iso, o seu repertorio vai desde temas de Michael Jackson, Leonard Cohen ou o Para Elisa de Beethoven. Para pechar, sempre acode a música portuguesa, como a canción Amar pelos dois de Salvador Sobral.

O motivo desta escolla non é outro que a reacción do público, algo que sempre ten moi presente. Nun principio, a idea era tocar unicamente música feita para o carrillón, pero pronto viu «que a xente gozaba máis co outro». «Gústame falar co público, e doume conta cando bailan, cantan e o pasan ben». Por iso, tamén prepara o repertorio con cancións «que todo o mundo coñece». A reacción, segundo ela, sempre é mellor.

Conexión co público

En Tui, como novidade, interpretará uns cantos temas da banda sonora da serie La casa de papel. Sintonías facilmente recoñecibles por todo o mundo. Para fomentar esta interacción co público, tamén coida a forma de organizar e distribuír o espazo. Entende o show como unha experiencia onde todo debe de estar coidado. Deste xeito, coloca as cadeiras o máis próximas posibles, tendo en conta que, desde moi preto, o espectáculo non se podería contemplar na súa totalidade. «O ideal é separalas uns cantos metros para poder ver e escoitar ben», explica.

Á parte, entre cancións, aproveita para contar historias curiosas e «graciosas» relacionadas co tema. Por exemplo, que Leonard Cohen tivo dificultades para rematar o Hallelujah, unhas das cancións que interpreta, ou que o primeiro título do sinxelo Yestarday dos Beatles era Scrambled Eggs -huevos revueltos-. Datos que teñen que ver coa música e que axuda a que o público sexa parte activa do espectáculo. Cando remata, tamén deixa que os asistentes toquen o instrumento para que poidan crear os seus propios sons.