O viveirense Suso Martínez cumpre 20 anos de traxectoria como guía polas principais cidades de Galicia
03 jun 2024 . Actualizado a las 13:32 h.Cando ten a oportunidade de realizar unha visita guiada na súa cidade natal, Suso Martínez amosa certo poder magnético. A súa forma de explicar o pasado a pé de pedra ou de monumento, por rúas e prazas do lugar onde toque a convocatoria, encandila a moitos e moitas. De feito, nas da Semana Santa viveirense, por exemplo, adoita atopar inscritos que repiten cada día porque saben que as súas visitas teñen un toque diferente. Sempre ofrecen algo distinto, máis aló de que sexan teatralizadas ou non. En todo caso, el fai de particular comunicador de acontecementos históricos que deixaron a súa pegada en vilas, para que o resto dos cidadáns os coñezamos con outro prisma e coñezamos máis a fondo a nosa historia antepasada, que nos conduce ao que somos hoxe. Martínez cumpre este ano 20 como guia en Galicia.
—Cando empezou a facer visitas guiadas pola comunidade?
—Imposible de olvidalo, porque foi no 11-M. Empecei o 11 de marzo de 2004. Así que fai 20 anos. Facendo unha visita en Betanzos debutaba, era a miña primeira, eu estaba no meu «rollo» e nin había nin Dios polas rúas. Nin me daba de conta, porque estaba todo o mundo vendo a televisión. Encima o que tiña era un grupo de Puerto Rico, que non se enterara das noticias tampouco, e ao final da visita foi cando o soubemos. Foi ese mesmo día.
—Cita Betanzos como punto de partida pero creo que ofrece visitas guiadas en máis recunchos.
—Si, por toda Galicia. Aquí, evidentemente, hai pesos pesados en turismo como Santiago pero a vida tamén me levou a Coruña, onde vivo, e alí teño o meu epicentro, pero tamén fago visitas en Santiago, Ribadeo, Viveiro, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Padrón, as do Xacobeo, etc...
—Viveiro, que é o seu berce, terá un significado especial, non?
—Claro! Por exemplo, as que fago en Semana Santa son clásicas. As deste ano foron a edición número 14. Xa son case parte do cartel.
—Imaxino que a información sobre a historia local seguro que a ten máis que sabida. Nembargantes, sempre hai algo que descubrir e incluso de aprender de quen vén de fóra?
—Aprendes sobre todo a xestionar a información, que é moita. Aquí hai mil anos de historia, pero non vas contar todo o que sabes de mil anos de historia en hora e media. Tes que saber seleccionalo, facer unha narración e que ademais sexa bonito de escoitar para a xente. Ten a súa arte, que non se aprende nun día.
«Tes que saber seleccionalo, facer unha narración e que ademais sexa bonito de escoitar para a xente. Ten a súa arte, que non se aprende nun día»
—As da Semana Santa viveirense foron as últimas que fixo aquí, ata que cheguen as próximas.
—Para min as da Semana Santa son moi bonitas porque a xente xa ben predisposta a escoitar un produto cultural. Moitas veces un producto cultural tes que metelo, un pouquiño, con calzador. Neste caso a xente xa sabe que vén ver santos e é marabilloso introducilos en por qué Viveiro é diferente, pola súa Semana Santa en España, onde hainas moi visitadas pero a viveirense é a máis antiga do Occidente rexistrada. Haina dende que hai franciscanos e dominicos, dende o século XIV. E este é un casco histórico onde é fácil meternos na época medieval. Sempre trato de facer unha especie de viaxes no tempo. De feito, nesas visitas, todos os anos, hai xente que é de Viveiro que vén todos os días. Aquí teño un triunfo como a Panorama, teño ata grupo de fans [ri] É bonito.
—Nalgunha visita, cal foi a pregunta máis rara que lle fixeron?
—Máis que rara, hai algunha que ten sentido común. Por exemplo, preguntan como é que se tivo tanta importancia Viveiro, nunca foi capital de provincia e foi Mondoñedo, que estaba a un pasiño daquí? Preguntas así tamén che obrigan a dar o teu razonamento, claro.
—Que máis visitas fai por aquí?
—En Viveiro, tamén veño facer visitas guiadas polo Mercado Renacentista, nas que fago do alcalde Juan Ares Vizoso, que está sepultado, precisamente, en Santa María. Tamén fago, de vez en cando, nalgunha visita de Pastor Díaz ou no Ribadeo Indiano... Sempre que me chamen veño.
—A que personaxe lle gustaría interpretar nunha visita guiada?
—Pardo de Cela. Se se fixera algo temático sobre el, gustaríame participar niso. Pardo de Cela é un icona da historia de Galicia, con moita polémica. É clave, é unha especie de bisagra, ao final da Idade Media e comenzos da Idade Moderna. É fundamental. E, logo, os debates apaixoados que hai sobre unha personaxe tan importante. Poderíase facer algo temático porque o mariscal foi alcalde de Viveiro.