O profesor e historiador ribadense Lourenzo Fernández Prieto falará «dos verdugos nos fusilamentos de vítimas coñecidas» o venres en Foz
A MARIÑA
Dentro dun ciclo sobre memoria histórica que organiza o Foro Social da Mariña
19 dic 2024 . Actualizado a las 16:35 h.O profesor da USC e historiador ribadense Lourenzo Fernández Prieto falará este venres en Foz, no Cenima, «dos verdugos nos fusilamentos de vítimas coñecidas». Será dentro dun ciclo sobre memoria histórica que organiza o Foro Social da Mariña.
«O ciclo comeza o vindeiro venres, 20 de decembro, con unha conferencia ? coloquio no CENIMA de Foz, ás 19:30 horas, co título de “VERDUGOS INVISIBEIS DE VÍTIMAS COÑECIDAS”, na que o catedrático de historia contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, falará dun asunto incómodo, dun pasado incómodo e dun enfoque incómodo: “ Levamos tres décadas ocupándonos das vítimas das matanzas, pero non dos verdugos. Algúns historiadores iniciamos hai uns anos o xiro perpetrador para identificar as lóxicas dos verdugos, a razón da matanza que perpetraron ligada ao golpe; a súa identidade e as formas que tiveron de agocharse e difuminarse no relato, pero tamén borrando as pegadas do seu crime durante a ditadura ata hoxe», explican.
«O Foro Social a Mariña entende que estamos a vivir nun tempo onde afloran relatos que pretenden dulcificar e mesmo ensalzar o réxime ditatorial construído a raíz do golpe de estado de 1936. Nun tempo no que a ultradereita está a implementar unha estratexia de branqueo e loubanza do franquismo, nun contexto de avance dos totalitarismos na Europa e no mundo; e nunha sociedade na que e o “ pacto de silencio “ e a desmemoria cumpriron unha función solapadora das atrocidades e responsabilidades derivadas dun réxime ditatorial», expresan finalmente.