Pregunta un amigo se é que por estes lugares do señor andamos anoxados coas festas de San Roque. A resposta é que non, que cada quen fai a programación que mellor lle parece, asumindo tamén a responsabilidade que lle toca, para o bo e para o malo, en función de que as cousas saian ben ou mal. Non creo que ninguén dubide de que as festas de San Roque foron sensiblemente a mellor coa nova xestión ata agora. Hai quen discuta o método, pero os resultados aí estiveron. Sucedeu algo semellante con Santa Rita, malia erros e amoreamentos fallidos. Pero, compañeiro, aínda non atopei a ninguén ao que lle pareza que xuntar a Francisco, Sergio Dalma e David Civera nunha mesma edición é un acerto. Concertazos, concertazos, o que se di concertazos, non creo que sexan. Abonda con ollar os carteis de lugares non moi lonxanos. Isto semella, con perdón, un monográfico de maduritos interesantes. Non deixo de preguntarme se non tería sido mellor conservar o festival de blues na Alameda, potenciar as actuacións na rúa, de teatro, música ou monicreques, e renunciar dignamente a iso que se dá en chamar grandes concertos. Porque tamén é verdade que non hai un peso. Non é enfado. É unha certa mágoa.