Xanma, cantante de The Rapants: «Con "La Favorita" o francés deixou de ser o idioma do amor e pasou a ser o galego»
AROUSA
O grupo estrela do verán galego actúa na Festa do Albariño hoxe por primeira vez
31 jul 2024 . Actualizado a las 19:37 h.Este ano, o primeiro en pisar o escenario da praza de Fefiñáns, en Cambados, é The Rapants. Hoxe serán os protagonistas da 72.ª edición da Festa do Albariño, á cal nunca foron, pero din ter moitas gañas de ver o ambiente e probar o viño. La máquina del buen rollo, que os consolida como un dos grupos galegos do momento. Xanma, guitarra e voz do grupo, contesta ás preguntas nun pequeno parón da súa atarefada axenda. Mentres Matías, baixo e teclado, vai facendo comentarios de fondo.
— Porque o nome: The Rapants?
—Un pouco por metonimia. A Samuel (guitarra e voz) chamábanlle o rapante de pequeno por un partido de fútbol e pois, cando os dous comezamos a tocar, chamábannos The Rapants. Por non pensar un nome, quedámonos cos que nos puxeron e tiramos pa diante.
—¿Cómo é o proceso de composición das cancións? ¿Quén se encarga das letras e quén da música?
— Somos os catro agora mesmo, ao principio eramos eu e Samuel os que facíamos as cancións pero no último disco xa hai cancións feitas por Matias e Xoaquín. Independentemente de quen as faga despois todos formamos parte da composición porque as poñemos en común os catro para levalas a gravar.
— Un protagonista nas vosas letras é o cheísmo, a gheada e o seseo. Por qué decidistes cantar nun galego non normativo?
— Nós en Muros temos moitísimo de este tipo de dialectalismos, é a forma na que falamos e para compoñer decidimos tirar do noso.
— No último disco, «La máquina del buen rollo», arriscaches cun montón de sons distintos, pero sen perder a esencia do grupo. Cal foi o proceso de creación?
—Había moi pouco tempo que sacáramos O corasón como un after, pero ao compoñer os catro xa tiñamos un montón de cancións e aburríanos estar sen facer nada. Tiñamos moitas gañas de coñecer a Paco Loco (produtor de música alternativa), un señor algo peculiar e con moitísima experiencia. Queríamos ver como traballaba el para aplicar os coñecementos na nosa música. Cando chegamos alí fomos abertos a todos os seus consellos e recomendacións, deixamos que botase unha man na produción. Por iso tamén queríamos un disco que evolucionase dende o anterior e non fose O corasón como un after dous. Cremos que o conseguimos, aínda que segue a manter a nosa esencia.
—¿Qué temas soen inspirar as cancións?
—Normalmente compoñemos sobre o que nos pasa á nosa xeración: amores, desamores, os nosos amigos... Neste disco falamos un pouco tamén do turismo masivo que temos en Muros, que nos abarrotan as praias. Meu cariño, por exemplo, é unha canción de amor, pero un amor maternal. Cousas que nos inspiran na vida, incluso da precariedade laboral da nosa xeración.
— Nas redes están a dicir que a canción máxima de amor en galego é «La Favorita». Que significa para vos?
—Samuel sempre dixo que o francés deixou de ser o idioma máis romántico cando compuxemos La Favorita, e pasou a ser o galego. Para nós é un orgullo que a xente recoñeza o noso esforzo e cite as nosas letras. É unha recompensa brutal para todo o traballo que depositamos na nosa música.
—¿Hai algunha «espiña cravada» cunha canción que escribistes e nunca lanzastes?
—Tuenti estaba xa a punto de saír para O Corazón como un after e quedouse ata o segundo álbum. Nós para elixir que vai no disco escollemos as máis acabadas e esta aínda non estaba como está hoxe en día, dámoslle moitas voltas. Somos uns raiados, uns perfeccionistas, e ata que temos unha canción que decidimos que está lista non a levamos ao disco.
—¿Cal é a vosa experiencia máis memorable nun concerto?
—Mogollón delas, pero agora mesmo, e tamén a mais recentemente, foi a fin de semana das Carrilanas de Esteiro. Estabamos todos nerviosísimos, eu de feito estaba chorando antes de tocar, porque estabamos no cambio de bandas entre Sidecars e nós. Xusto no cambio entraron os nosos representantes, que son os que organizan o festival, e empezaron a falar entre eles sobre o feito de pechalo. No cambio entre grupos encheuse tanto o recinto que tiveron que cortar a entrada. Para nós foi algo brutal e cando saímos a fóra a xente estaba a tope con nós.
—¿Tedes algún ritual antes de subir ao escenario?
—Agora facemos un cántico de «Que el ritmo no pare, no pare no, que el ritmo no pare».
— Ultimamente póñenvos en horario moi de vermú para tocar, para vos cal é a mellor hora para escoitar a The Rapants?
—Cando tocamos en vermú, o bo é que podemos gozar da festa e nós encantados. Danos un pouco igual a hora. No PortAmérica tocamos de madrugada e a xente perdeu o último bus para regresar ao cámping por vernos. A mellor hora segundo Matías é o vermú, eu creo que as once ou doce da noite é cando a xente está máis a tope.
—Vivimos un auxe da música galega, pero para alguén que leva aí dende o 2018 como vivistes ese proceso?
—O caso do tradicional e a súa evolución non vén só de agora con artistas como Mondra ou Fillas de Cassandra, se non dende Baiuca, cando se introduciu a electrónica, ou outras moitas bandas que viñeron antes. O auxe actual de Tanxugueiras e Baiuca, a nivel nacional, é digno de eloxio para todos e todas as que forman parte dese movemento. Aínda que nós convivimos con el non formamos parte porque ao final somos unha banda de rock e coexistimos neste gran momento da música en galego. É un orgullo. Hai que recoñecerlle o traballo a todos e todas as que estiveron antes e que fixeron música que a día de hoxe a xente escoita, se non fose por elas non sería posible.
—O día das letras galegas do 2025 dedicase ao cancioneiro galego. Cal é a vosa opinión?
—Orgullosísimos porque ao final é o que mantén a nosa lingua viva, é fundamental para gardar letras que ao mellor non se gardaron ou escribiron ao longo dos anos e se foi transmitindo de pais a fillos, nun ambiente de verbena e festa. Eu recordo que cando ía á casa de miña bisavoa e contaba non só canción, senón tamén refráns que se sabía de memoria. Era como, buah!, como fago para acordarme disto que realmente é importantísimo e cantos de estes cancioneiros se perderían por non chegar a transmitirse.
—Hoxe en día moitísima xente fai os seus concertos con música pregravada, para vos que sodes unha banda ao completo, cómo se sinte ver iso?
—Nos levamos secuencias, máis que nada por loxística e economía, somos catro e aínda que Matías, a parte do baixo, toca o sintetizador en directo, non nos da tempo a tocar todo. Estame dicindo Matías polo baixo que as trompetas non as sabemos tocar, entonces temos que metelas por secuencia. Paréceme un bo recurso sobre todo para bandas de urbano e rock e axudan a facer un concerto máis dinámico e de calidade. Ben usado, sen esaxerar e sen renunciar á música en directo é algo que suma.
—Próximos proxectos?
—Estamos niso, acabamos de lanzar o álbum e todo o mundo nos di que descansemos, gocemos e xiremos con este disco, pero nós xa temos moita música e gañas de reunirnos a tocala. Sacaremos un novo disco, Deus sabe cando, ao mellor non o ano que vén, para descansar un pouco, pero si o seguinte.
— Recoller influencias?
— Si, iso é o máis importante, que non sexa unha nova versión do anterior, senon algo completamente novo que aporte algo á música en galego e en xeral, que non sexa vivir do conto, queremos traballar e esforzarnos por dar algo fresco
—Colaboración soñada?
—A de Matías é Joe Crepúsculo e eu… Se é soñada cos The Strokes pero sendo realista, a nivel España con Yosi de Los Suaves… Está Matías ao meu lado levando as mans á cabeza. Tamén molaría un tema con Amaia Montero agora que cantou no Bernabéu.
— Se puiderades tocar nun local en Santiago, cal sería?
— La Tita, definitivamente, e as dez da mañá concretamente
— Se puiderades transformar unha das vosas cancións en película, cal sería?
—La Favorita. Ten moitos capítulos e teríamos unha triloxía.
— Unha comedia romántica?
—Mais ben drama romántico.