O técnico do cadro vilagarcián tirou bo proveito da súa primeira oportunidade de contar con especialistas en todas as demarcacións
26 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Confiaba o adestrador do Os Ingleses RC en que, recuperando unha parte importante dos efectivos ausentes nas primeiras semanas de Liga, o conxunto vilagarcián comezaría a ser altamente competitivo. E David Lema non se trabucou. O pasado sábado, no campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa, impúxose con claridade ao Club Rugby Ferrol: 34-5.
«Inda que ao descanso o marcador non era moi avultado, 12-5, o noso dominio foi claro e o partido, cómodo», comentaba onte o técnico do Os Ingleses. Ben en defensa cando tocou anular o Ferrol, co único lunar de varios golpes de castigo concedidos, un problema que arrastra desde comezos da temporada, o cadro arousán amosouse superior nas fases estáticas. Todo, grazas a poder contar non só con recambios, tamén por poder botar man de recursos cada un na súa posición natural, dándolle así consistencia á proposta de David Lema.
Os Ingleses desprazaráse este sábado a Lugo para medirse ao Muralla con intención de seguir progresando para tentar catapultarse á zona nobre da clasificación da Primeira Galega.