As obras do cuartel de Cambados poderán retomarse en agosto, unha vez resoltos os problemas causados pola auga do subsolo

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Houbo que facer un novo proxecto de cimentación e muros de contención

06 jul 2023 . Actualizado a las 12:22 h.

Alguén dou, por fin, explicacións sobre o retraso que acumula a obra de construción da novo cuartel da Garda Civil de Cambados. Fíxoo o Concello a través dun comunicado no que dá conta dos motivos que xustifican a paralización dos traballos e no que anuncia que estes poderán retomarse no mes de agosto.

O retraso débese á aparición de auga no subsolo, o cal levou á Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEPSE) a modificar o proxecto «con fin de dar solución aos problemas sobre o aumento do nivel freático da parcela xurdidos durante o inicio das escavacións».

Segundo o informe trasladado pola Delegación do Goberno en Galicia ao alcalde Samuel Lago, o obxectivo é «evitar calquera posibilidade de risco na seguridade da obra e dos traballadores que a executan», incorporando un novo proxecto de cimentación e muros de contención que «aporta a seguridade completa dos traballos durante o baleirado e cimentación do edificio mediante a execución de pantallas profundas de cimentación perimetral».

Trala adxudicación do contrato en marzo de 2022, no inicio das escavacións observouse que o nivel freático na parcela se incrementara en relación ao indicado no estudo xeotécnico utilizado na redacción do proxecto de execución».

Este aumento da capa de auga acumulada no subsolo «supón unha maior presión hidrostática sobre os elementos de contención das terras das parcelas colindantes durante a execución dos traballos de valeirado da planta soto destinada ao garaxe do futuro cuartel», segundo se indica no comunicado.

Esta situación, «podería producir inestabilidade dos encofrados verticais, coa posibilidade de envorcamento dos mesmos e caída do terreo colindante dentro da escavación do garaxe e sobre a zona de traballos da cimentación do edificio».

O novo plan, elaborado durante os meses de febreiro e marzo, xa foi entregado á empresa adxudicataria, Edhinor, que agora debe contratar unha empresa especializada en cimentacións profundas.

O alcalde Samuel Lago congratúlase polo anuncio de que vanse retomar as obras e agarda que non haxa máis demoras na execución dos traballos. «Trátase dunha actuación de gran importancia para Cambados, pois conlevará máis seguridade para a cidadanía, así como maior poboación para a vila, tendo en conta que os axentes da Garda Civil que residirán no cuartel farán vida en Cambados».