El Drogas, Ilegales e Heredeiros da Crus estarán en Cambados con Son do Mar
CAMBADOS

Será dentro da sexta edición do Sachaso Rock para conmemorar o 25 de xullo
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O festival Son do Mar anuncia os primeiros nomes que compoñen o cartel do que será a sexta edición do Sachaso Rock, unha cita que naceu no Grove e que por vez primeira terá lugar en Cambados o vindeiro 25 de xullo. Velaí o líder da mítica banda Barricada, El Drogas, un dos artistas máis demandados no seu estilo no panorama nacional. Xunto a el subirán ao escenario os archicoñecidos Ilegales, que seguen a conservar intacta a súa autenticidade. A eles súmase outro potente gancho. Heredeiros da Crus, líderes do rock galego, non faltarán tampouco á cita, a pesares de que xa estiveron presente no 2023 en Cala Raeiros. Desta volta, a banda chega con disco novo baixo o brazo e unha xira moi potente para facer gozar ao público, nunha noite pensada para os amantes do xénero, con tres grupos do mellor que se está a facer neste momento no país.
Os promotores amosábanse onte tremendamente satisfeitos de aquelar para unha mesma xornada un cartel de altura, que pechará o artista grovense Djow cunha das súas pinchadas. Segundo Virvi Fraga e Nacho Escalante, a duración dos concertos será longa, non de 45 minutos por artista, como se ven facendo nos festivais ao uso. Os días 24 e 26 de xullo a actividade no escenario do Pombal tamén será frenética. A véspera do Apóstolo, a xornada de Son do Mar estará dedicada ao indie español, sinalan, sen facer maiores spoilers, para continuar xerando expectación. Aínda que adiantan que os grupos «non se van repetir noutros eventos similares na comunidade galega».
Dada a súa versatilidade, o 26 de xullo, os concertos están pensados para un público totalmente oposto, espectadores máis novos que queiran gozar de música urbana e electrónica, con artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel. Como novidade, as entradas para o evento do Sachaso Rock e os sucesivos concertos programados en Son do Mar, para o 24 e o 26 de xullo, que aínda están por desvelar, deben mercarse a través da web www.sondomarfestival.com, un portal onde se irá colgando toda a información precisa sobre a cita, localización e outros datos de interese. O resto de nomes serán anunciados de maneira progresiva, tal e como os seus promotores veñen facendo ata agora.
Son do Mar sacudirá a vila cambadesa, abrindo boca cara á Festa do Albariño, cun festival que segue medrando e que conta nestes momentos co patrocinio da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Xacobeo e Concello de Cambados.