Setecentos euros para os produtores das mellores cañas en Valga

e.f. VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

CONCELLO VALGA

Durante a mañá de hoxe retómase a ruta Tapa a Anguía

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Valga aproxímase ao ocaso dos festexos pola Festa da Anguía e Mostra da Caña do País co remate da cata do concurso Caña do País, que seleccionou os mellores licores branco, tostado e de herbas de entre as once que onte chegaron á final.

O aroma, a cor, o sabor e o que os catadores denominan como «as adoas», referíndose ás burbullas que se forman na superficie do licor despois de axitalo, foron os criterios que levarán a premiar hoxe con 300 euros a mellor caña branca, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenden a 200 euros.

O proceso comezou o xoves coa participación de 25 licores das tres variedades mencionadas, e o centro de Interpretación da Caña do País albergou a precata na que se realizou unha primeira selección de augardentes de cara á final de onte á tarde. O equipo de catadores contou coa incorporación de Marisa Vázquez Tubío, que se sumou aos xa habituais Manuel Blanco Picón, Juán Carlos García Busto, María Dolores Catoira Piñeiro e Ricardo Abuín Mariño.

Ademais, durante a mañá de hoxe, retómase a ruta Tapa a Anguía nos bares Caprichos, Maneiro, Potel, Couceiro, Auditorio, Pardal e Praia fluvial de Vilarello, que servirán petiscos gratuítos coas consumicións. O horario degustación é de doce da mañá a tres da tarde e de oito a once da noite.

Ás cinco da tarde o Centro de interpretación da Caña do País acollerá unha demostración de destilados tradicionais a cargo de dous cañeiros. Tamén haberá actividades para os máis pequenos, centradas na igualdade. A entrega dos premios realizarase ás nove da tarde no Parque Irmáns Dios Mosquera. Este acto será un recoñecemento aos gañadores do Concurso da Caña, Embelecer Valga, o certame artístico para elixir o cartel anunciador da festa, o concurso Anguía Chef e os certames de fotografía e de receitas do Agosto Gastronómico.

A festa concluirá mañá domingo cunha segunda xornada de tapeo polos bares, entre as 12 e as 15 horas, e o showcooking Valga Gastronómica, no que se prepararán, en directo, diferentes cócteles elaborados con caña do país. Porase así fin a uns días nos que se prodigan as actividades de promoción dos dous produtos máis representativos de Valga, a anguía e a caña.