Elías Cochón Rey deseñará os novos farois do paseo marítimo de Vilagarcía
VILAGARCÍA DE AROUSA
Ravella destina 550.000 euros á substitución das luminarias, que dotarán ao municipio dun sinal de identidade estético
10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai meses, ao fío da campaña de erradicación das sementes espiñosas que inzaban a praia da Compostela, o alcalde, Alberto Varela, anunciaba que o conxunto de luminarias do paseo marítimo que une o centro de Vilagarcía con Carril ían ser recambiadas. Esta semana, o Concello avanzou un paso máis dentro dun proceso que dende logo non será deixado ao azar. O propósito de Ravella é que as novas luminarias posúan un deseño exclusivo, que funcione coma un sinal de identidade estético da cidade. O encargado de plasmar este obxectivo é Elías Cochón Rey (Vilagarcía, 1966), un dos referentes claros da escultura creada ás beiras do mar de Arousa.
A intención do goberno local é que as novas luces alumeen o paseo a Carril antes de que transcorra un ano. O investimento para facelo realidade roldará os 550.000 euros, que serán financiados a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As pezas actuais teñen máis de trinta anos. No seu día as lámpadas foran substituídas, pero as estruturas que as sustentan acusan un fondo deterioro, á marxe de que a súa eficiencia enerxética ficou lonxe xa dos estándares actuais de consumo e luminosidade. De aí, explica Ravella, que aproveite a oportunidade que abre esta achega comunitaria, concretamente no eido da mellora e a eficiencia enerxética, para a súa renovación, engadindo un compoñente estético e exclusivo, posto que o deseño de Cochón Rey non poderá ser empregado en ningún outro ámbito.
Á marxe do seu labor artístico, «Elías Rey ten ampla experiencia no eido do mobiliario urbano como directivo de Fundicións Rey», subliñan os responsables municipais. Da súa man chegarán o deseño, maquetación e dixitalización do novo modelo de farol, cometidos polos que percibirá 18.150 euros.
A actualización da iluminación súmase, deste xeito, ás actuacións que o equipo de Alberto Varela desenvolveu nos últimos anos tanto na praia coma no paseo: a reforma integral do seu solado, a eliminación do cadillo e, en breve, a instalación de estruturas deportivas, ademais da negociación dun carril bici.