Do Polo Sur ao Polo Norte

xurxo gago ÁRTICO / E. LA VOZ

BARBANZA

Stein-Rune Karlsen

O científico pobrense cambia, cinco meses despois, a Antártida pola cidade máis ao norte do mundo, Longyearbyen, onde deberá sobrepoñerse aos osos polares e ao frío

24 jul 2017 . Actualizado a las 21:32 h.

Diario dun barbancés no Ártico: Capítulo un

Cinco meses despois da campaña de investigación na Antártida volvemos a facer maletas, embalar equipos científicos e todo o material de laboratorio que necesitamos para a nosa próxima campaña: o Ártico nas illas Svalbard (Noruega). O Polo Sur e o Polo Norte, a Antártida e o Ártico respectivamente, en aparencia dous desertos conxelados, non poderían ser máis diferentes entre si.

A Antártida é o último continente salvaxe (onde só recentemente hai presenza estable humana) illado polos vastos océanos, namentres que o Ártico non é un continente senón un océano conxelado con numerosas illas ao redor, que á súa vez están rodeadas por continentes. Outra diferenza importante é que a Antártida é moito máis fría que o Ártico. Todos estes factores fan que haxa un maior número de especies de flora e fauna no Ártico que na Antártida. Por exemplo, na Antártida só hai dúas especies de plantas superiores ¡mentres que no Ártico hai máis de 100! No Ártico non atoparemos aos simpáticos pingüíns pero si osos polares, morsas e renos que non viven na Antártida.

Stein-Rune Karlsen

Esta maior biodiversidade no Ártico é para o noso grupo de investigación da Universidade das Illas Baleares moi interesante. Estamos a estudar plantas que son capaces de sobrevivir nos ambientes máis extremos do planeta, tentando entender qué mecanismos activan para sobrevivir e medrar en ambientes tan desfavorables para a vida. Cremos que esta información pode ser moi útil para deseñar, no futuro, estratexias de mellora dos cultivos contra o clima máis extremo preditos polo cambio climático.

A vila

Así que nos diriximos para Longyearbyen, a capital das illas Svalbard, 78ºN, o pobo máis o norte do mundo cunha poboación total de pouco máis de 2.000 habitantes, que principalmente traballan na minería, e agora cada vez máis ao turismo e á investigación polar.

O arquipélago das illas Svalbard atópase a máis de 600 quilómetros ao noroeste do cabo Norte de Noruega. Cunha extensión dun pouco máis de 61.000 quilómetros cadrados, equivale a case unhas 20 veces máis grande que a illa de Mallorca. ¡Isto está tan ao norte que as famosas auroras boreais vense desde alí mirando cara o sur! ¡Iso no inverno, porque desde mediados de abril ata finais de agosto non se pon o sol, hai 24 horas de luz continua!

Esperamos ter ao mediodía temperaturas entorno aos 6 graos con ventos medios de 20 quilómetros hora»

No Ártico a segunda quincena de xullo é a época máis cálida. Esperamos ter ao mediodía temperaturas entorno aos 6 graos con ventos medios de 20 quilómetros hora, que implican unha sensación térmica de aproximadamente menos 1 graos (isto é moito mellor que na Antártida marítima, na que normalmente as sensacións son de menos 10 graos).

Traballar no exterior nestas condicións obriga a ir ben abrigados e a evitar a perda de calor tanto como sexa posible: as capas exteriores deben cortar o vento, e sobre todo deben ser impermeables á auga. Ter a roupa mollada nestas condicións significa sufrir con certeza unha hipotermia; cos 40 graos que hai agora en Mallorca estou abafando de só pensar en coller o abrigo de inverno, os polares, as lycras e todas as capas de roupa…

Stein-Rune Karlsen

O Ártico e en concreto as illas Svalbard atópanse nunha situación crítica, o quecemento global está provocando un desxeo xeneralizado en todo o Polo Norte, cambiando a vida de todas as especies que alí viven. De feito, grazas as condicións máis favorables hai unha gran preocupación pola entrada de especies de plantas invasoras que poidan desprazar ás nativas. Estas plantas invasoras entran nas Svalbard principalmente pola actividade humana, a través da palla para manter o gando, terra para xardinería ou simplemente nas botas e abrigos da xente.

Este é un dos nosos principais obxectivos, estudar a capacidade de crecemento e a tolerancia ao estres destas invasoras para estimar se coas futuras predicións do cambio climático serán unha ameaza para a flora e fauna local, e por iso este proxecto é financiado tamén polo Fondo de Protección Medioambiental das Svalbard, así como polo goberno de España.

Stein-Rune Karlsen

Os animais

En temas de fauna, o oso polar é o artista principal na zona. Os osos aliméntanse principalmente de crías de foca que atopan agochadas nas plataformas de xeo. Calcúlase que desde os setenta o retroceso do xeo na primavera-verán adiantouse tres semanas, obrigando aos osos a cazar en terra e dificultando que poidan completar as reservas de enerxía que requiren para a hibernación.

O goberno de Svalbard obriga a todas as persoas cando saen dun pobo ou das bases científicas a saír sempre cun rifle mínimo por grupo coma protección contra os osos polares»

De feito, o goberno de Svalbard obriga a todas as persoas cando saen dun pobo ou das bases científicas a saír sempre cun rifle mínimo por grupo coma protección contra os osos polares, así que outra cousa que tivemos que facer para esta campaña foi obter o permiso de armas e aprender a manexar un arma. Isto é unha dificultade importante para a campaña, xa que cando saiamos na procura, ou a medir, as especies que nos interesan, un de nós coma mínimo ten que estar sempre co fusil vixiando que non apareza un oso mentres traballamos.

Stein-Rune Karlsen

Sendo esta a nosa primeira experiencia no Ártico, non sabemos moi ben o que nos imos atopar e se o clima e mailos osos nos deixarán traballar. O que si é certo e que xa estamos preto de sabelo, con sorte son capaz de facer un tetris cos equipos e a roupa de inverno na maleta e, cun pouco máis de sorte, o Ártico estará fresquiño e poderemos durmir pola noite fuxindo da calor en Mallorca.

As anteriores reportaxes de Xurxo Gago na Antártida poden ser consultadas neste espazo, en orde de publicación: