A tarifa espiritual

Juan Ordóñez Buela DESDE FÓRA

BARBANZA

21 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos xa nese período no que hai que presentar a declaración da renda e, unha vez máis, o importante no é o que se paga, nin o que algún deixa de pagar, senón esa letra pequena que vai para a igrexa católica. O espiritual non está rifado co material. Que llo recorden a aquel ecónomo da diocese de Valladolid que perdeu os aforros da súa xente no caso Gescartera. Falamos de diñeiro porque a Igrexa, e as igrexas necesítano. E é certo.

Eu vou a miúdo a unha parroquia madrileña que invita ás súas celebracións a sacerdotes cos que comparto máis amizade que crenzas, pero que me fan a honra de axudarme a pensar e, en certo xeito, a sentir. Nesta parroquia madrileña hai luces acesas, no inverno hai calefacción e, cando a megafonía falla, alguén se encarga de arranxala. Nas áreas rurais, os párrocos tiveron que multiplicarse e van por esas estradas a dicir misas arreo. De cando en vez, á capela rómpeselle a espadana ou unhas pingueiras ameazan o retablo. Todo iso, ¿quen o paga? A casa da renda debería ser unha fonte de ingresos segura. Pero os diñeiros da renda centralízanse burocraticamente na Conferencia Episcopal. E os practicantes continúan facendo uso do medieval cepillo. Todo iso leva un sustento da Igrexa excesivamente mediatizado e que exonera aos crentes da necesidade de contribuír ao mantemento da fe que obriga a rituais. Cando se ven as riquezas dos pazos episcopais, hai motivos para imaxinar o fácil que sería unha cota obrigada dos fieis adscritos a cada parroquia. Ninguén fala de necesidade de pagar por ser socio do Real Madrid ou do Barcelona, que para iso si que hai que ter fe.

¿Por que non se chega a un pacto de Estado para que este se encargue unicamente do patrimonio eclesiástico e lles deixe os gastos comúns aos fieis? A resposta é obvia. Se se deixa o financiamento das parroquias menos poboadas en mans dos fieis, que lle vai a quedar á cúpula eclesiástica para os seus faustos?. A tarifa espiritual, ou todos moros, ou todos cristiáns.