Xoán Fernández, Cofradía da Dorna e Ana Romaní optan aos Sereos 2019

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Paisal, Ana Blanco, Terra de Outes, A Pousada das Ánimas, Clodio González e Manuel Olveira, volven a ser finalistas

09 nov 2019 . Actualizado a las 18:24 h.

Xa empezou a conta atrás para que a Asociación Cultural Barbantia proceda a pechar o ano natural como xa é unha tradición: a concesión e entrega dos premios Sereo e, na mesma xornada, o reparto do Anuario de Estudos do Barbanza 2019. Pero o primeiro é o primeiro, e trátase de coñecer os finalistas dos principais recoñecementos culturais da bisbarra. Nesta edición, que se corresponde coa número 13, as novidades son a incorporación á terna do pintor de Ribeira Xoán Fernández, no eido da Traxectoria Cultural no Barbanza; a Real e Ilustre Confraría da Dorna, como Iniciativa Cultural no Barbanza; e a xornalista e poeta noiesa Ana Romaní, no cadro de Cultura Galega.

Estes tres novos candidatos van ter como alternativas a outros dous en cada unha das modalidades dos Sereos, que veñen de edicións anteriores. En Traxectoria Cultural no Barbanza, están a activista cultural Ana Blanco e o músico Enrique Paisal. En Iniciativa Cultural, encádrase a Pousada da Galiza Imaxinaria e a Asociación Cultural Terra de Outes; e no premio da Cultura Galega figuran así mesmo o etnógrafo Clodio González e o artista Manuel Olveira.

Abertas as votacións

Barbantia vén de remitir aos seus socios a convocatoria dos premios xunto co impreso para facer a votación, polo que xa está aberto o prazo para que os integrantes da entidade empecen a votar e entregar a papeleta por correo ordinario, á sede de Barbantia no Centro Social de Boiro, rúa Principal 44, cuarto andar, 15930 Boiro; ou electrónico a barbantia@barbantia.es, antes do 30 deste mes. Tamén se poderá depositar na urna que se levará a cada un dos actos.

Na mesma papeleta pódense incorporar propostas aos premios para a seguinte edición.

Unha vez que se faga o reconto de papeletas, a directiva poñerase en contacto cos agraciados, aos que convocará ao acto de entrega que se celebrará o 14 de decembro na Casa de Cultura Ramón Martínez López, de Boiro.