O Museo do Gravado de Ribeira recupera 48 obras a punta seca de Colmeiro

BARBANZA

cedida

Acollerá a partir deste venres unha exposición das láminas e das matrices orixinais

19 abr 2023 . Actualizado a las 15:02 h.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistirá este venres, ás 20.00 horas, á inauguración no Museo do Gravado de Artes dunha exposición integrada por 48 obras realizadas por Manuel Colmeiro. Trátase de láminas que o propio centro artístico situado ren Ribeira recuperou a partir de pranchas orixinais cedidas pola familia do pintor.

O directo do museo, Pastor Rodríguez, explicou o proceso que se seguiu neste ambicioso proxecto: «Baixo a dirección dun mestre gravador, limpamos e restauramos as pranchas, para logo imprimir 25 exemplares de cada unha, que foron autenticados por un notario».

A exposición que se poderá ver no centro situado en Artes recollerá unha copia de cada obra, ata un total de 48, que se presentarán acompañadas das pranchas orixinais. Esta serie de estampas pasarán a forma parte dos fondos do museo.

Co resto das copias elaboráronse edicións especiais para coleccionista, que se presentan nun estoxo ideado para a ocasión. Parte delas serán para a familia de Manuel Colmeiro, propietaria das pranchas, mentres que outras entregaránselle a diversas institucións, como a Consellería de Educación e a Deputación da Coruña.

Como particularidade desta colección, Pastor Rodríguez destacou a súa rareza. Colmeiro creou estas obras cando estaba en Arxentina e de cada unha delas estampou entre 15 e 20 exemplares, que foron distribuídos no seu círculo máis próximo, de aí que case non haxa copias circulando en Galicia.

Trátase ademais de gravados feitos coa técnica da punta seca, o que dificulta a súa reprodución, polo que será complicado obter moitos máis exemplares a partir das matrices orixinais.

Á apertura da mostra asistirán tamén o propietario do museo, Javier Expósito, e o presidente da fundación xestora, Manuel Ruiz.