Jorge Darío Santarelli: «Se non hai límites económicos non se sabe onde chegaría a imaxinación»
BARBANZA
O pintor recoñece que é difícil vivir da pintura, sobre todo en cidades pequenas
14 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Despedimos o ano cun pintor do que levo anos admirando obras nunha galería e nunha tenda de Ribeira, mais el era para min un enigma. Hoxe converso con Santarelli, e delicio co seu acento uruguaio. Descubro un artista total, case un home renacentista; bohemio e trota-mundos, pintor autodidacta, mecánico, informático... Un día botou o sol ao lombo e atravesou o país a pe, para buscar o soño de vivir da pintura, despois de traballar en mil oficios. Adora as ferramentas, os aerógrafos, compresores etc.
?Cando empezou a pintar?
—Sempre me gustaron o debuxo e a pintura. Aos 18 anos escollín dedicarme á publicidade e deseño de mobles para ir vivindo. Fixen cursos a distancia destas materias. De 1980 a 1988 traballei como deseñador free lance en Asunción.
?Son as mariñas o que máis pinta?
—É o que máis se vende. Se é para regalo, cunha mariña non fallas. Condicióname iso e, polo tamaño, o lugar onde se vai expor; e que se venda. Non pretendo facerme rico, busco unha continuidade que me permita mercar novas teas e pinturas. Outro tema é onde gardalos; na casa non teño sitio. Ocórrenseme cousas variadísimas. En Caminha, por exemplo, hai unha boa galería que se presta a pintar e expor o que queiras. Tes espazo e luz. Fixen alí varias exposicións. En Punta del Este, un lugar moi turístico, unha vez fixen un cadro titulado El loco, el feo y el bueno, con moita mensaxe. Era un grito. Unha señora que viña de Arxentina namorouse del e díxome que o levaría á volta. Cando volvía, amosoullo leda a unha amiga, e esta díxolle: onde o vas colgar? Así que o pensou e deixouno.
?Cal é o teu estilo preferido, a técnica, os motivos?
—Pinto todos os estilos e técnicas. Pintei moita cerámica, pezas pequenas, mellor sen cocer. Encántame a caricatura, teño que volver a ela. Debuxei moitas viñetas cómicas para unha revista de tirada nacional en Uruguai. Inspírame a xente, certos sucesos. Mesturo técnicas: óleo con lacas, con acrílico. Houbo unha etapa na que todas as miñas obras tiñan relevo, con xornais pegados ou outros materiais, para facer montañas, lúas. Fixen moitas lúas.
A luz ten moitísimo que ver co estado de ánimo: cando estou contento borro algún cadro que me parece escuro e fago outro máis alegre, aínda que sexa o mesmo. Leonardo tamén ten moitos cadros debaixo dos que vemos. As pinturas queren coidados, vernizalas…e co tempo degrétanse. O lenzo vive, a pintura vive. Teño pintado coleccións de bailarinas de ballet, series de deportistas, escenas urbanas e outras cotiás, oficios, moitos deles en estilo cubista (non igual ao de Picasso). Agora estou a pintar cunchas, de todo tipo. A ostra ten como un nácar duro, hai que preparalo moito, igual que a vieira, que absorbe auga e por iso non serve de xaboeira. Todas, tamén a de mexillón, teñen moito traballo previo.
?Os teus artistas favoritos?
—Admiro a todos, cada un inspírame algo diferente: unha cor, una forma. Cousas de Velázquez, de Dalí, a creatividade dos impresionistas. Gústanme Caravaggio, Sorolla... Miró fixo importantes cambios na pintura porque tiña respaldo, puido pasar a liña. Dalí igual. Se non hai límites económicos non se sabe onde chegaría a imaxinación, haina que frear para concretar onde queres chegar.
?Pode un artista vivir da pintura?
—O artista non pode vivir, en xeral, da pintura. Pintas o que che gusta, pero é difícil vender, sobre todo en cidades pequenas, mesmo do tamaño de Santiago. Eu vendín moito en Punta del Este (Uruguai) un lugar moi visitado polos turistas, pero obras que se puidesen levar de viaxe.
?Tes o título de aerografista, iso que é?
—A aerografía é unha técnica de aplicación por difusión aérea de pintura sobre unha superficie. Utilízase un aerógrafo: é coma un lapis oco cun gatillo onde pos unha gota de tinta e sopras para debuxar. Así facía os anuncios para as canles de TV 2, 7, 9 e 11 de Punta del Este, os escenarios para os noticiarios, o 80 % dos avisos. Sen tecnoloxía. Pintaba a cores porque, inda que se vía en branco e negro, conseguía moitos matices de grises. Impartín clases desa materia e de serigrafía. En Costa Rica formouse un club de fans meus. Enviáballes traballos e fotos. Ía ir alá, e a Canadá...Mais coincidín nun autobús cunha galega e decidín pechar os negocios para vir pasar a vida con ela.
Darío Santarelli é un pintor moi prolífico. No 2001 gana dous concursos. Fixo exposicións individuais en galerías de Uruguai, en Arxentina, no Brasil e Paraguai. Participou en numerosas colectivas tanto alá, (concursos de pintura en vivo en Punta del Este), coma aquí: no Museo do Gravado á Estampa Dixital, na galería O Faiado, e na Casa da Cultura Lustres Rivas, en Ribeira. Ten obras espalladas dende Canadá a Arxentina e do Reino Unido ata Italia.
PERFIL
Cidadán do mundo na busca de arte
Afincado en Ribeira dende hai máis dunha década, Jorge Darío Santarelli naceu en Montevideo en 1955. O debuxo e a pintura foron as súas paixóns mesmo antes de ir á escola. A familia mudou de residencia en varias ocasións, por mor do traballo de seu pai na construción de estradas. Viviron a maioría do tempo en Maldonado, preto de Punta del Este.
Facía papaventos na primavera, xogaba a vaqueiros e indios por influencia dos USA, e xogaba ao fútbol e ás bólas nas ausentes beirarrúas. Na Primaria e Secundaria afeccionouse aos cómics, á historia, as letras, e as artes manuais. En 1964 coñece o cine e faise cliente incondicional durante anos.
Con 14 anos traballa de ascensorista nun edificio de Punta del Este, para ser logo recepcionista, telefonista e sereno. Ao non ter preto unha escola superior de Arte, vai pintando publicidade. Aos 16 é mecánico encargado dunha bicicletería, e implícase cada vez máis coa pintura comercial. Logo percorre o país pintando carteis publicitarios.
Informática
Traballa tamén nunha inmobiliaria, e abre cun amigo a súa propia, Inmobiliaria Estudio Z. Gústanlle os ordenadores, fixo cursos que impartían na universidade e abriu un negocio, PC Service. Entón non pintaba. Armaba, vendía e reparaba os ordenadores Amiga, antes de chegaren Windows e Apple. Vivía a máis de douscentos kilómetros, tiña que madrugar, atender os nenos e era demasiado traballo.
Amante das motocicletas e a publicidade, pinta, decora vidreiras, carteis e murais na vía pública. Deseña logotipos, e orixinais para serigrafía. Aos 27/28 anos combina a pintura co traballo de levar automóbiles a Bos Aires e, en 1987, ten a residencia Arxentina.
Publicidade
Á volta, marcha a Paraguai para pintar debuxo publicitario, ata que o contratan en Tecno-Publicidade como xefe de vía pública de todos os anuncios e sinais. Atravesa, o Brasil, e cualifica de heroes os gallegos que exploraron o país con 40º C, intensas chuvias, selva, coas armaduras e canóns. Tamén é residente destes dous países.
Sobreviviu a tres ditaduras, e non fai plans de futuro. Cada novo día proverá. É aventureiro e cidadán do mundo.