Maite Sobradelo: «Tivemos que facer un plano para dirixir aos turistas ao pico Muralla»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

cedida

O miradoiro converteuse este verán no gran atractivo turístico de Barbanza

22 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva case dúas décadas traballando como técnica do Concello de Lousame e pola súa condición de xeógrafa, asume en parte a área de turismo, pois encárgase das visitas ás minas de San Finx, un dos polos de atracción de visitantes do municipio. Ao longo deste tempo, Maite Sobradelo nunca viviu un verán con tantos forasteiros coma o que vén de rematar. Está convencida de que o covid propiciou unha clara aposta polos territorios rurais, pero tamén apunta, entre as claves do éxito de Lousame, cara un recurso que xa compite en visitantes con outros importantes enclaves de Barbanza como o monte de A Curota ou o castro de Baroña. Trátase do miradoiro do pico Muralla. É unha pasarela suspendida sobre un desnivel desde a que se poden contemplar desde As Cíes ata monte Louro, pasando, en días especialmente claros, polas torres da catedral de Santiago.

-Foi este miradoiro o gran reclamo turístico de Lousame?

-Si, xunto coas rutas dos ríos Vilacoba e San Xusto. Notouse que a xente optou este ano por un turismo de interior, pois todos os que chegaron ata a oficina das minas de San Finx eran españois e, unha gran parte, galegos.

-Buscaban os turistas o pico Muralla?

-Recibíronse moitísimas chamadas preguntando polo miradoiro e non só no concello, senón tamén no museo das minas. Ata tivemos que facer un plano para dirixir aos turistas ao pico Muralla, porque está moi preto de San Finx, pero hai varios cruces e non resulta doado chegar.

-A que atribúe o seu éxito?

-Non o sei, porque eu nacín a catro quilómetros de alí e coñezo o monte Muralla desde sempre. Foi o feito de que instalaran unha plataforma o que serviu de reclamo turístico. É certo que as vistas desde alí son espectaculares, pois son panorámicas de 360 graos. Incluso se poden chegar a ver as torres de Meirama. Agora inflúen moito as redes sociais, pois a xente colga fotos e vídeos que chegan a todas partes.

-Que chama a atención dos visitantes?

-Sobre todo, o descoñecemento que había. Moita xente, incluso desta contorna, non sabía que existía este miradoiro natural. Loxicamente, tamén chaman a atención as vistas e o feito de estar a 674 metros de altura.

-Cales son os mellores días para visitar o pico Muralla?

-Cando hai aire de norte e a atmosfera está moi limpa. Con nubes tamén é unha zona moi fermosa, pero claro as vistas cambian. Se as nubes están baixas ou hai néboa, non paga a pena ir, porque alí a visibilidade é practicamente nula.

-Complicado entón de cara ao inverno...

-Hai que ter en conta que é un punto frío e o vento é forte, polo que con chuvia, igual que con néboa, alí non se fai nada. Pero no inverno tamén hai días de sol e a luz incluso é mellor ca no verán.

-É un lugar axeitado para ver amenceres ou anoiteceres?

-Os dous, porque se pode ver saír o sol pola zona do Sar e ocultarse sobre a serra do Barbanza.

-Pode saír un territorio como Lousame reforzado da actual crise sanitaria?

-Polo de agora, xa saíu reforzado este verán, porque a xente se botou ao monte literalmente. Chega con pasar calquera día, incluso de semana, polo mosteiro de San Xusto para comprobar que sempre hai coches aparcados. As rutas de sendeirismo e as fervenzas están a ter moito éxito.

-Pensa que veu para quedarse esa atracción polo rural?

-É difícil de saber, xa que o turismo vai por modas. Todo vai depender de como evolucione a pandemia. Penso que si que veu quedarse, porque a xente quere seguir saíndo da casa e apostará máis por descubrir o entorno inmediato, como ocorreu este verán.

-Vivira en Lousame un fenómeno turístico similar?

-Coma o deste verán, nunca. Eu vivín a época na que Lousame nin sequera aparecía no mapa. Lembro cando estudaba en Santiago, que ninguén sabía onde quedaba este municipio. Tamén estaba cando se planificou o primeiro gran proxecto turístico, no 1998, a ruta polo río Vilacoba. Nin os da contorna sabían o que escondía Lousame.