A festa da árbore en Porto do Son

Manuel Mariño del Río

PORTO DO SON

Don Federico García, mestre entregado ao seu amor pola natureza, en plena conferencia
Don Federico García, mestre entregado ao seu amor pola natureza, en plena conferencia CEDIDA

A celebración tiña lugar en varios concellos galegos ao comezo do século XX

14 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao comezo do século XX celebrábase en varios concellos galegos a festa da árbore. As autoridades (gobernador civil, alcaldes e concelleiros), para dar exemplo, estaban presentes mentres algúns obreiros municipais plantaban árbores. As árbores eran plantadas por parellas de mozos ou mozas.

A finais de novembro de 1941 entrou nas oficinas municipais de Porto do Son unha circular do gobernador civil coas instrucións pertinentes para a celebración da Festa da Árbore nos distintos concellos. Era un acto cívico cargado de simbolismo, unha xornada festiva, educadora e patriótica que pretendía inculcar na xuventude o amor e o respecto polas árbores. Os nenos e nenas das distintas escolas debían realizar previamente unha bandeiriña de España. Empregaban dúas tiras de papel vermello e unha de dobre ancho de cor amarela. Pegábanse empregando como colante unha pataca cocida, e ao antedito papel engadíaselle un anaco de cana.

Durante algúns días aprendían de memoria esta cantiga:

«Cantemos al árbol que voy a plantar, / si Dios lo proteje del hombre y del viento, / salud y riqueza dará, salud y riqueza dará. /

Uno para el otro los dos viviremos, / él se irá elevando y yo iré creciendo. / Y si triste y sólo llego yo a morir / dejaré en el mundo un árbol siquiera plantado por mi./

Para el aire puro campestres aromas,/para el caminante regaladas sombras./Templará los rayos de la luz del sol; /por entre sus ramas colgarán las aves/ sus nidos de amor./

Cantemos al árbol con voces de paz y de amor; / defiéndalo el hombre, protéjalo Dios. /

¡Protéjalo Dios!»

O día 23 de xaneiro foi o escollido para a festa. Plantábanse árbores no lugar seleccionado pola alcaldía. Pola tarde os escolares reuníanse nas súas escolas para ir camiñando ata o edificio do Concello —hoxe Centro de Interpretación do Castro de Baroña—. Alí agardábase a chegada das autoridades provinciais e locais. Logo, en ringleiras, acudíase ao cine Avenida onde as autoridades saudaban a rapazada antes de dar a palabra a don Federico García Expósito; mestre entregado en corpo e alma ao seu amor pola natureza e á docencia, polo que recibiu o pseudónimo de «amigo de los árboles». Foi presidente da Liga de Amigos de los Árboles e foi convidado varios anos polo concello de Porto do Son para encargarse de pronunciar unha charla na que lembraba os beneficios das árbores, a importancia das reforestacións dos montes e xardíns, ata aquela dedicados ao pastoreo e actividades de mera subsistencia coa finalidade de proporcionar riqueza nas distintas parroquias.

As persoas maiores aínda lembrarán como os mestres e mestras animaban a cativada para que, de vez en cando, interrompesen a súa intervención con aplausos. Despois continuaba a súa conferencia indicando que especies había que plantar e os coidados que precisaban.

Ao final do acto cantábase a canción a coro e os nenos e nenas recibían como merenda un bolo de pan e, xa nos anos sesenta, un paquetiño con galletas e unhas onzas de chocolate.

Don Federico García, mestre entregado ao seu amor pola natureza, en plena conferencia