Juan Fungueiriño, presidente do Cidade de Ribeira: «Imos intentar non faltar á nosa filosofía de xogo»
RIBEIRA
O Cidade de Ribeira buscará este domingo asaltar o Julio Mato, Matito, nun derbi que promete goles e moito espectáculo
27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Cidade de Ribeira está a vivir unha intensa temporada de regreso a Preferente amparado nun grupo de futbolistas que senten a branquiazul como un proxecto propio que levaron ata onde están con empuxe e bo fútbol. Juan Fungueiriño (Ribeira, 1977) é o máximo mandatario da entidade e un dos principais artífices de que Atlético Ribeira e Sálvora se fusionasen nun só club que agora mira aos ollos aos colosos da Preferente. A segunda volta será fundamental para os intereses de permanencia dos ribeirenses, que mañá buscarán volver asaltar o feudo dun dos favoritos, como xa fixeron en Barraña.
—¿Como valora ata o momento a temporada de regreso de Ribeira a Preferente?
—De xeito positivo, aínda que en ocasións estamos cometendo erros de novato, é normal. Estamos facendo un bo xogo, pero a veces non nos están acompañando os resultados. Somos un equipo moi mozo e estamos tratando de manter como sexa a categoría para poder asentarnos nela a longo prazo.
—Malia que acaban de ascender, están dando moito que falar a nivel futbolístico. Todo o mundo ten en conta ao Cidade.
—Si. Acabamos de ascender e iso non se nos esquece. Dende un principio a nosa cabeza estivo posta na permanencia e creo que polo xogo que estamos presentando en cada partido merecémola. Somos un dos equipos máis goleadores de todo o grupo, pero tamén un dos que máis tantos recibe. Na faceta defensiva pode estar a clave de conseguir rematar ben a temporada.
—Mañán enfróntanse ao líder da categoría, ao que xa lle deron guerra na primeira volta. ¿Como ve o partido?
—Ben, vai ser difícil, pero nós contra os equipos de arriba sempre damos nivel porque tamén intentan xogar co balón. Nos partidos nos que o rival se encerra atrás temos máis problemas e cústanos sacar bos resultados. No encontro de ida co Noia creo que dominamos durante bastante tempo, pero eles marcaron as diferenzas con tres golazos. Contra o Boiro foi parecido, competímoslle de ti a ti e ao final logramos levarnos a vitoria.
—¿Que debe facer o Cidade para vencer no Julio Mato, Matito?
—O Noia é un dos cocos da Preferente polos anos que leva e por ser capaz de manter unha idea a longo do tempo. Nós imos intentar non faltar á nosa filosofía de xogo pase o que pase. A partir de aí, cun pouco de sorte poderemos loitar a vitoria. Invito a que a xente se achegue a Noia para acompañarnos no derbi.