«Bañarse en pelotas no mar é algo moi recomendable»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O humorista arousán ofrecerá un monólogo o venres en Malpica para recadar fondos para a asociación Tralla

08 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O humorista Carlos Blanco actúa este venres en Malpica na Casa do Pescador (22.45 horas), nun monólogo organizado pola asociación cultural Tralla. A metade da recadación irá destinada ao Nordestazo, que se celebra o día 26.

-¿Verbena ou foliada?

-Foliada.

-¿En que concello naufragou o barco Serpent?

-...

-¿Mar ou río?

-Prefiro o mar, porque nacín diante del. Pero as cidades con río teñen un encanto especial.

-¿Quen foi Bernal Eans de Moscoso?

-Terei que inventar. Foi o primeiro tipo que fixo unha casa de turismo rural na zona de Camelle.

-¿Prefire o sendeirismo ou deitarse ao sol?

-Son máis de camiñar. Gústame deitarme ao sol pero nunca fun de parar moito tempo quieto.

-¿Quen escribiu Queixumes dos pinos?

-Eduardo Pondal.

-Completa a frase: «As nenas de Camariñas...»

-Estanche ben bonitiñas.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Nudista. Sen bañador estou máis cómodo. Bañarse en pelotas no mar é algo moi recomendable. A quen o proba, logo vaille sobrar o bañador.

-¿Cal é o punto máis occidental da Costa da Morte?

-Diría que é Fisterra.

-¿Churrascada ou sardiñada?

-Quedaríame coa sardiñada. Probo máis o churrasco pero saboreo moito as sardiñas.

-¿Canto tempo hai que non pon unha tixola ao lume?

-Pouquiño, pouquiño. Non son un cocinillas, pero preparo a comida a miúdo.

-¿Quen pronunciou a frase «As pedras son pedras»?

-O Rubio de Camelle, que ten unhas frases boísimas.

-¿Lagostino ou cigala?

-Lagostino.

-¿A que país emigrou Fernando Blanco?

-É o home que fixo o instituto de Cee, e imaxino que fixo a súa fortuna en Cuba.

-¿Inverno ou verán?

-O verán. Pero se teño que escoller quedaríame co outono. É cando me atopo con máis enerxía.

-¿Quen inventou o futbolín?

-Alexandre de Fisterra. Xa se encargou Xurxo Souto de contarllo ao mundo enteiro. Teño xogado torneos de futbolín co nome de Alexandre de Fisterra e con Manu Chao de parella.

-¿Que libro está lendo?

-No me cuentes tu vida, unha novela de Luis García Montero.

-¿Onde naceu Alfredo Brañas?

-En Carballo.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Prefiro facer o camiño tradicional e acabar en Fisterra.