«Penso que axiña comezará a escasear o traballo en Suíza»

Marta López, S. G. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XESÚS BÚA

Tras 35 anos fóra de Camariñas, axuda a emigrantes a atopar emprego

04 ago 2015 . Actualizado a las 07:50 h.

Luis Blanco Rodríguez (52 anos), natural de O Cotro-Buría (Camariñas) leva toda unha vida emigrado en Suíza. Preside a Asociación de Trabajadores Españoles en Suiza (ATEES) e vén de organizar a Festa do Emigrante, en Camariñas, na que 250 persoas disfrutaron dun bo churrasco e das actuacións da orquestra Acirema e dos Panchos de Jolfendro.

-Todo un éxito a Festa do Emigrante celebrada a pasada semana en Camariñas.

-Totalmente. Asistiron 250 persoas chegadas de moitas zonas da comarca, aínda que a maior parte dos participantes viñan de Camariñas. O pobo implicouse moito.

-Mediante a asociación que preside en Suíza, a ATEES, axudan a mozos e mozas a atopar traballo aí en Suíza.

-Si claro, a xente ponse en contacto connosco e envíanos currículos e nós intentamos axudarlles: dándolles teléfonos de asociacións ou direccións ás que acudir para buscar emprego. Intentamos botarlles unha man en todo o que necesitan.

-¿Cal é o perfil de emigrante que chega a Suíza na actualidade?

-Sobre todo xente nova e que busca traballos non cualificados: os mozos buscan no sector da construción; as mozas, na limpeza ou en fábricas de reloxos.

-¿E hai xente que retorne despois de emigrar no pasado?

-No cantón no que nós estamos, si. Hai moita xente que está volvendo a buscar traballo aquí porque en España non hai para eles. É unha situación moi triste, ter que marchar de novo da casa.

-¿É doado atopar traballo unha vez chegados a Suíza?

-A situación cambiou respecto ao pasado porque non é tan sinxelo atopalo. Antes chegabas a Suíza un venres e á semana seguinte xa estabas asinando un contrato, agora o proceso é un pouco máis longo. Evidentemente se tes contactos e te sabes mover ben xa dende España, ao chegar aquí todo é máis sinxelo. Se non, hai que esperar e saber ter paciencia.

-¿Recórdalle esta situación á vivida fai xa varios decenios, co bum da emigración vivido en Galicia?

-Si, a situación é similar pero con algúns matices. A vida aquí está moito máis cara e hai factores como a vivenda ou o seguro médico que hai que ter en conta antes de virse traballar a Suíza. De todos modos, cando un atopa emprego aquí, vívese moi ben, atreveríame a dicir que mellor que en España.

-¿A solución á falta de traballo en España pasa por emigrar, ou debería ser a última opción á que recorrer?

-Penso que nos tempos que corren ninguén debería ter que saír do seu país para poder vivir. Hai moitísima xente cualificada en España que ten que irse porque no noso país non se aposta polo traballo, pola innovación, e iso non debería ser así. Eu, se tivese un traballo, volvería sen pensalo a España.

-¿Hai aínda postos de traballo suficientes?

-Polo de agora en Suíza hai aínda traballo, pero penso que axiña empezará a escasear o traballo. Está entrando demasiada xente, e toda destinada a unhas áreas moi concretas. Creo que vai chegar un punto que os postos de traballo que se ofrecen sexan insuficientes. Aos que levamos aquí toda a vida tocaranos aguantar e tirar para adiante. Os novos que chegan igual o teñen máis complicado, probablemente sexan os máis afectados.