Plumas con mando | Valentín González | O compromiso coa Costa da Morte

CARBALLO

CESAR QUIAN

Creación de emprego e mellora das infraestruturas e servizos públicos centran a acción da Deputación da Coruña nesta comarca, escribe o presidente da Deputación

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Frear o despoboamento do rural é un dos principais desafíos que enfronta hoxe a sociedade galega. Ben o saben moitas veciñas e veciños de Bergantiños e da Costa da Morte que ven como, ano tras ano, os seus pobos van perdendo habitantes mentres os seus fillos buscan nas áreas urbanas as oportunidades que non atopan preto da casa.

Para deter a sangría demográfica que ameaza o futuro da Galicia rural e conseguir fixar poboación nos pequenos concellos é necesario ofrecer ás novas xeracións oportunidades laborais e servizos públicos axeitados que lles permitan desenvolver o seu proxecto vital e profesional.

Na Deputación cremos no potencial que Bergantiños, Soneira e Fisterra teñen para o futuro da provincia da Coruña e de Galicia. Por iso, nos últimos anos creamos distintos plans que benefician especialmente a estes territorios, axudan a crear emprego, apoian aos principais sectores produtivos da comarca e melloran os servizos e infraestruturas públicas.

Resulta difícil, en tan pouco espazo, resumir o compromiso da Deputación coa Costa da Morte. Podería facelo con números, detallando a importante inxección económica de 60 millóns de euros que supuxo para estes concellos a creación do Plan Único, os 752 empregos creados a día de hoxe na comarca ao abeiro do PEL, os 2,2 millóns que este ano destinamos a axudar aos autónomos e microempresas da zona a paliar as consecuencias económicas da Covid-19 ou os 14 millóns que investimos nos últimos catro anos para mellorar a seguridade vial nas estradas locais.

Pero cada vez que veño á Costa da Morte teño a oportunidade de ver como estas cifras se traducen en pequenas historias persoais que ilustran mellor que os números a acción da Deputación na vida cotiá da xente. Historias coma a de Santiago que me contou que, despois de toda unha vida traballando e varios anos no paro, volveu a sentirse útil ao ter unha oportunidade laboral grazas ás axudas do PEL. Nomes propios coma Evaristo, usuario dun dos centros de atención a persoas con discapacidade que a Deputación apoia na comarca, ou o de María, mestra na Escola Unitaria de Brens, que insistiu na importancia que para tantas familias ten que axudemos a recuperar estas escolas rurais ou a darlles unha nova vida en forma de centros sociais ou garderías, como fixemos tamén en Vimianzo, Laxe, Coristanco ou Zas.

Grazas a Virtudes, veterana palilleira de Camariñas, que hai xa algúns anos me contou que os encaixes que hoxe promocionamos en todo o mundo xa viaxaban cara América nas adegas do Titanic e a Pedro, Ignacio e Víctor, mariñeiros en Malpica e Muxía, que nos explicaron as dificultades que atravesa o sector pesqueiro e a importancia que ten o apoio da Deputación para manter a actividade dunhas confrarías que non só desenvolven un importante rol económico, senón tamén social.

Cada vez que volvo da Costa da Morte aprendo algo das súas xentes e vexo como a acción política da Deputación axuda a mellorar distintos aspectos vida das persoas. Esa satisfacción anímanos a seguir traballando para facer unha administración máis eficaz, útil e cercana ás necesidades reais da cidadanía.

Valentín González Formoso é o presidente da Deputación da Coruña.