
NOVA CONVOCATORIA LITERARIA | Poden participar, ata o día 30 de novembro, rapaces de segundo ciclo de primaria
15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.La Voz de Galicia e Radio Voz Carballo volven apostar polo talento dos máis cativos lanzando a 17.ª edición do certame Contos de Nadal, no que poderán participar estudantes de segundo ciclo de educación primaria da comarca.
Convocado co patrocinio de EDP Renewables e a Fundación EDP, xunto coa colaboración dos 16 concellos da zona, o obxectivo deste certame é «fomentar a creatividade entre os escolares», que poderán presentar relatos cunha extensión máxima de 1.500 caracteres, o equivalente a dous folios. Terán que ser de creación propia e cunha temática relacionada co Nadal.
Os textos entregaranse na delegación de Carballo de La Voz de Galicia ata o 30 de novembro, como prazo máximo.
O xurado profesional, que será o encargado de seleccionar os dez contos finalistas, valorará aspectos como a creatividade, a calidade literaria, o bo uso da linguaxe ou a presentación. Os autores desas dez propostas obterán un diploma acreditativo, mentres que os tres mellores contos recibirán tamén un premio.
Xa son dezasete os anos nos que La Voz e Radio Voz veñen apostando polas cualidades da rapazada da Costa da Morte a través deste certame, ao que neste 2020 lle naceu un irmán menor: o concurso de contos de terror Territorio Vákner. Hoxe mesmo finalizaba o prazo para que escolares de terceiro ciclo de educación primaria presentasen as súas candidaturas para aspirar a alzarse cos premios nesta primeira edición. Neste caso, os destinatarios eran os mozos dos municipios polos que discorre o tramo do Camiño a Fisterra e Muxía. Ditos concellos colaboraron na organización deste certame, que está patrocinado polo Concello de Dumbría, principal impulsor da figura do Vákner como un símbolo do Camiño á costa.