José Manuel Casal: «A mellor foto sempre está por facer»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

El fotógrafo José Manuel Casal
El fotógrafo José Manuel Casal ANA GARCIA

Fotógrafo de La Voz de Galicia durante 26 anos, foi recoñecido este domingo como Bo e Xeneroso por parte da Fundación Pondal

19 nov 2022 . Actualizado a las 12:53 h.

Cámara colgada do ombreiro, andar maino e ese saúdo coa man que tantos recordarán. José Manuel Casal Sobrino (Betanzos, 1954) retratou o pulso da Costa da Morte durante 26 anos. Fíxoo para o arquivo de La Voz de Carballo, onde, dixo este domingo no Couto (Ponteceso), «terei sempre a miña sala de exposicións». Pronunciou estas palabras ao recoller o premio Bo e Xeneroso que lle outorgou a Fundación Eduardo Pondal. «Non podía dicirlle que non a unha xente que traballou tanto», contou na súa primeira entrevista, en Radio Voz: «Non son protagonista de nada e sempre me neguei aos recoñecementos, pero neste caso non me podía negar, case vivín os inicios da asociación Monte Branco, da fundación...». A súa primeira fotografía para o xornal, a festa das fabas de Ponteceso, foi no ano 1991.

Dende aquela virían moitas e moitas máis, ata xuño do 2017, cando se xubilou: «Precisaba parar, dedicarme algo a relaxarme. Vivín intensamente a profesión, facendo o que máis me gustaba facer, que eran fotos, pero había días de moitas horas, foron moitos anos, e quería aproveitar para estar un pouco máis en contacto coa familia. Quen pagou as consecuencias da dedicación, de que a min me gustase tanto a fotografía, de que as novas non tivesen horarios, foi esa familia máis próxima. A muller, os fillos... Si boto en falta non terlles dedicado a eles ese tempo que merecían».

Casal recibiu o seu galardón de mans de Xosé Luís Vilela, director de La Voz
Casal recibiu o seu galardón de mans de Xosé Luís Vilela, director de La Voz ANA GARCIA

Case tres decenios de moitos cambios. De retratar dor e ledicia, naufraxios, sinistros, festas, cambios políticos, evolución económica, empresarial, sociedade...: «Tratei de facer o meu traballo do xeito máis honesto. Sei que, quizais, en determinados sucesos, puido haber cousas que non gustaron, fotos comprometidas, pero incluso a gran maioría daquelas persoas que se puideron enfadar no momento, co paso dos anos, penso que entenderon que trataba de facer o meu traballo, e de facelo da forma máis correcta, non poñendo nada da miña parte, tratando de reflectir só a realidade, o que alí había. Quedei coa conciencia tranquila de saber que fixen, ou polo menos así o tratei sempre de facer, un labor imparcial».

JOSE MANUEL CASAL

O retrato icónico de Man de Camelle ferido de morte polo chapapote, as imaxes case rozando o Prestige nos seus últimos saloucos, a procura da pequena Eva Lavandeira no Monte Faro de Vimianzo... Son traballos que deixaron unha pegada na memoria de Casal, mais é incapaz de elixir: «Moitos temas, a información diaria, paisaxes...». E apuros. Deixar a comida na mesa tras ser avisado dun accidente: «Ías rápido e decidido, pero cando empezabas a ver as ambulancias, as luces, sen aínda chegar ao lugar, sen ver nada, si, tremían as pernas. Non querías atopar cousas que non querías ver. Podería parecer que eramos valentes, pero eramos humanos, todo isto deixa marca. Fotos importantes? Non podería renegar de ningunha», confesou para Radio Voz.

Minutos máis tarde incidía en todo aquilo «pequeno» que merece ser fotografado, e que a veces queda no camiño, silenciado polo que é urxente. «Igual a mellor foto, como eu digo, sempre está por facer. A que máis transcendencia ou difusión ten igual non é xustamente a que máis considero». Xubilouse pensando que «faría unha fotiño por aquí e por alí», pero máis ca iso, dedica agora o tempo aos seus, recibindo estes días os parabéns de tantos e tantos que o coñeceron, moitos deles compañeiros de oficio, tamén doutros medios. «Ten a sensación de que sempre foi moi respectado na profesión?», preguntoulle Fran Rodríguez: «Creo que si. Tratei de facer o traballo poñéndome do outro lado, como me gustaría que me fixesen a min, iso tal vez contribuíu a que a xente me considerase un pouco. Penso que non deixei ningún inimigo na profesión, o meu traballo está feito».

J. M. CASAL

Casal reside na Coruña dende os 80. Casou no 82 coa súa dona, con raíces en Vilaño (A Laracha), vínculo que o segue conectando con esta comarca, ademais do seguimento da actualidade da Costa da Morte: «Sigo estando, máis lonxe, pero estou». Traballaba de administrativo cando a súa afección pola fotografía comezou a ilo facendo destacar. Foto Manolo, da Laracha, pediulle a un compañeiro coruñés alguén «para botar unha man», e aí chegou Casal. Ano 84. Foi unha porta de entrada, máis adiante, a La Voz.

Pasou daquelas imaxes que había que revelar ás feitas e vistas no móbil ao momento. Daquelas que enviaba á delegación da Coruña no Finisterre ás que hoxe se lanzan ao outro lado do planeta en segundos. Casal transitou este cambio tecnolóxico co repouso desas barquiñas que tantas veces fotografou na beira do Anllóns e da casa de Pondal. Xusto onde veñen de recoñecerlle tanto tempo de entrega en segundo plano..