Un mundo de actividades no verán da Aldea do Couto

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Fundación Eduardo Pondal, Casa da Muller e Asociación Cultural Monte Branco coordinan un intenso programa para xullo, agosto e setembro

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fundación Eduardo Pondal, Casa da Muller e Asociación Cultural Monte Branco organizaron para os meses de verán un intenso almanaque de actividades que, de feito, xa deron comezo nos últimos días, cunha proposta etnográfica arredor do San Xoán e da súa tradicional recollida de herbas. Dirixiu a sesión Nati Vázquez, educadora da Cooperativa de Educación Medioambiental (CEM). O Congreso de Voluntariado de Sober, hoxe mesmo, e a clausura do primeiro semestre da Casa da Muller (30 de xuño), con exposicións, talleres, xogos e merenda, armarán este mes.

Varias saídas ambientais, co apoio de Paco Doval, Xurxo Alfeirán, José Barizo, Tania Carreira, Bernardino Martínez, Viki Rivadulla, Alexandre Nerium, Sonia Castro e Suso Lista integran parte das moitas propostas de xullo, e a elas haberá que sumar un foro de iniciativas rurais, o día 9, ou as festas do Carme, entre outras cousas.

Co arranque de agosto chegará a 40.ª edición da Escola de Verán: de luns a venres, polas mañás. As tardes dedicaranse á Aldea de Fútbol. Máis de 250 crianzas inscritas acreditan no Couto a confianza das familias. Será este o mes, ademais, de dúas novas edicións de campamentos da Xunta, Un país para pintores e poetas e Isidro Parga Pondal. Tamén volverá haber campo de voluntariado Alí xaz. Finalmente, cara os últimos días deste mes festeiro, Esther e Diego, alumnos das Escolas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal representarán a España no Premio Nobel Xuvenil da Auga (Suecia).

Para setembro quedarán no Couto as Festiletras, 40 anos dun milagre cultural do que xa deu a coñecer o programa hai uns días: «As portas deste pequeno recuncho están abertas para todas as persoas que queiran acompañarnos e axudarnos a gozar dun bo verán», din. Colaboran Política Social, Secretaría xeral de Igualdade, Política Lingüística, Deputación, Concello de Ponteceso e, tamén, entidades privadas.