Educación e territorio: un outono de aulas na Fundación Pondal

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Baixo o paraugas do Espazo Educar, alumnos e comunidade educativa achegaranse a ramas de saber moi diversas: madeira, robótica, ciencia, emocións, música, narración oral... Colaboran Xunta de Galicia, Concello de Ponteceso, Axencia Galega da Industria Forestal e Consello da Cultura Galega

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O outono é tempo de froitos, unha estación tamén de cambio, de mutación, de salto cara adiante con bases asentadas, e algo de todos estes conceptos haberá nos vindeiros meses na Fundación Eduardo Pondal, con sede en O Couto (Ponteceso). Sumando forzas co Concello pontecesán, coa Xunta, coa Axencia Galega da Industrial Forestal (Xera) e co Consello da Cultura Galega, e valéndose ademais da implicación de comunidades educativas, veñen por diante tres citas intensas baixo o paraugas do Espazo Educar e do Centro de Formación e Recursos (CFR).

Unha das máis inminentes, dende mañá mesmo e ata o venres, permitirá achegarse á valorización de montes e madeira dende o seu pouso en ámbitos como a ciencia e a tecnoloxía, a música, os contos ou o xogo. Cinco días de mañás intensas nas que os pequenos coñecerán talentos nutridos desa herdanza. Hai tempo que, a través das súas Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, a fundación pontecesá afianzou o seu desexo de achegar o saber ao rural, contribuíndo ao espertar e identificación de vocacións temperás neste ámbito. Ciencia que non ten por que levarse mal coas emocións: de feito, esas dúas ramas son as que xungue a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG para o segundo dos apartados deste outono en O Couto, unha xornada prevista para o vindeiro 26 de outubro. Máis no tempo se estenderán, e velaí a terceira proposta, as sesións formativas dos sábados, nas que os inscritos terán ao seu dispor voces autorizadas en horta, alimentación, vídeo e radio, robótica ou ximnasia rítmica.

A madeira dende a ciencia, a música, os contos e os xogos

Anxo Moure, contacontos
Anxo Moure, contacontos ANA GARCÍA

Días 17, 18, 19, 20 e 21 de outubro

Un dos apartados do espazo educativo na Fundación Pondal para este outono leva por nome Que din os rumorosos?, en alusión a ese verso do bardo Pondal. Os piñeiros falan no seu Himno e baixo este epígrafe, continuando con propostas iniciadas xa noutros cursos, traballará a comunidade educativa, e particularmente o alumnado, a conciencia sobre o bosque e a silvicultura. Haberá un total de cinco xornadas, dende mañá mesmo ata o 21 de outubro, venres, e cada día participarán unha media de cincuenta rapaces nas sesións, alumnos de quinto e sexto de primaria dos colexios As Forcadas, de Corme, e Eduardo Pondal, de Ponteceso.

As actividades —entre as 10.30 e as 13.00, con transporte habilitado— terán como sede a fundación pondaliana, coa opción, en función do tempo, de levar a cabo algunha proposta en exterior. A través da ciencia e da tecnoloxía, a través da música (cancioneiro popular, con Irma Macías), a través dos contos (con Anxo Moure) e tamén do xogo (Miudiño, xogos en madeira), volverase poñer en valor o patrimonio e potencial que esta terra ten no seu monte.

Irma Macías, voz de Luar na Lubre
Irma Macías, voz de Luar na Lubre ANA GARCÍA

Na última xornada, a do venres 21, alumnos do Eduardo Pondal visitarán Cis-Madeira, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Alí poderán tomar nota e dar resposta a todas as súas curiosidades sobre esta materia.

De horta a vídeo, de radio a alimentación, de robótica a ximnasia

BASILIO BELLO

Os sábados, ata o 17 de decembro

Ao abeiro do programa Espazo Educar propiamente dito, os pequenos inscritos tomarán parte ao longo dos sábados deste outono de 2022 en mañás formativas que comezaron precisamente onte. Entre as 10.00 e as 14.00, ata o vindeiro 17 de decembro, aprenderán de robótica, de radio, de vídeo, de horta ou de alimentación saudable. Gozarán asemade de contacontos ou de ximnasia rítmica.

BASILIO BELLO

A idea é que todos os nenos e nenas roten polas actividades ao longo da mañá. A maiores dos monitores de cada actividade principal, haberá dous apoios, unha mestra de primaria e unha terapeuta ocupacional, que tamén rotarán polos grupos. A organización das actividades faise de tal xeito que se pode compaxinar con outras propostas, como por exemplo baile tradicional. Exercerán de monitores das distintas ramas Lucía Lorenzo (horta), María Canosa Benlloch (alimentación saudable), Sofía González (vídeo), Gerardo Reino (robótica), Carla Varela (ximnasia rítmica) e Verónica Couto (radio). Como apoios estarán Alba María Bermúdez (docente) e June Carabel (terapeuta).

Unha cita dos máis novos co Consello da Cultura Galega

A. L.

26 DE OUTUBRO

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) ten asentada unha firme vontade de estimular o coñecemento e a vocación científica do público máis novo. É por isto que, para o 26 de outubro, organizou un encontro na Fundación Pondal con estudantes de cuarto e sexto de primaria dos colexios Labarta Pose (Baio), As Forcadas (Corme) e Eduardo Pondal (Ponteceso). Nel, traballarán as emocións, a ciencia e a resolución de problemas.

Terá o obradoiro dúas partes. Na primeira, os alumnos explicarán a súa vocación e traballarán a relación desta coas súas materias preferidas e as súas actitudes cara as ciencias. Na segunda, en pequenos grupos, presentaránselle aos rapaces unha serie de inventos, e as autorías, tendo que elixir a quen corresponde cada un. Tratadas xa estas bases, pensarán logo un problema da vida cotiá que lles gustaría resolver, de forma que, empregando unhas cartas de persoas que traballan en distintas disciplinas científicas, conformarán o seu «dream team» científico na procura desa solución. Finalmente, o alumnado representará a obra de teatro Os nenos da varíola, adaptación escolar do libro de María Solar sobre a chegada desta vacina a América.

O programa, ao detalle. Ás 09.00, inauguración con Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CDG. Tamén Ángela Bugallo e Xosé María Varela, coordinadores da actividade. Obradoiro dende as 10.00: «Eu de maior quero ser...». Coas docentes na USC Andrea Fernández Sánchez e Lucía Vázquez Ben. Teatro como fin da xornada coa obra «Os nenos da varíola», prevista para as 13.00 horas.