Galicia ten unha densidade demográfica de algo máis de dous millóns e medio de habitantes, distribuídos en 30.000 quilómetros cadrados. Comprendo que ha de haber galegos de todo tipo: introvertidos e calados ata outros cheos de algarabía e carallada. En efecto, Paco León, os galegos temos retranca a pesares de ser, segundo ti, tan pechados coma as cunchas dun mexillón. Pregúntome cantos estereotipos campan gallardos dende as Castelas ata o Mediterráneo. É coma se dixese que os andaluces son preguiceiros por teren unha taxa alta de paro, sen analizar as súas propias casuísticas, ou se opinase que tódolos vascos son etarras. Sería coma opinar que España é tortilla, flamenco e touros, cando isto non representa nin a idiosincrasia nin a variedade cultural dun país. Direino sempre, un artista ten que levar asociado un discurso coherente e sentido, non algo superfluo e desvirtuado da realidade. Pensar antes ca falar, algo sinxelo a priori e tan complicado.
Seguramente noutro momento, sentiríamos vergoña das nosas orixes. Un sentimento impostado dende os séculos escuros na nosa lingua. Atrás quedou a obriga de falar en castelán en ámbitos cultos, de sentirnos menos cando nos chamasen da aldea ou desa Galicia profunda que habita os lindes imaxinarios de quen non ten máis miras. Paco, meu rei, espero que atopes aínda máis fama co teu novo personaxe, «case galego». De todas formas, hai algo que non che contaron: os galegos prefiren calar e outorgar antes que dicir cousas sen xeito. Eu estou por tomarme as palabras de Paco León coma unha honra.