O outro día cheguei a un espazo e estaban a falar da necesidade da figura do psicólogo como referente imprescindible cando non logramos escapar dos espazos escuros que habitan en nós. Eu sorrín moitas veces na miña vida sen ganas. Estiven soa e repleta de algarabía. Coñezo ao mesmo tempo a sensación que se magnifica cando estás rodeada de persoas e, ao tempo, cunha soidade que o impregna todo. Unha amiga confesoume unha vez que ía ao psicólogo e esquivei a conversa coma se non escoitase nada máis. Anos despois, a mesma persoa, confesoume que sufrira unha forte depresión e varios intentos de suicidio. Comprendín entón aquelas miradas de tristeza e pasamos unha noite de festa que queda para o recordo. Coido que, en parte, todos habitamos ese precepto que tan ben definía Freud: buscamos o pracer e fuximos da dor. Acotío, moitas veces utilizamos sucedáneos do verdadeiro pracer para evitar algo que no século XXI aínda está cheo de eufemismos: o padecemento propio. Non sei se somos produto da nosa xenética, das raíces dos nosos antepasados, da ira ou a tranquilidade das nosas familias. Se quizais inflúe tamén o entorno, as infancias difíciles, os impases que nos acontecen nese ciclo da vida.
Hai uns días volvín vela. A vida levounos a estar estudando a mesma carreira sen sabelo. Sentámonos e desapareceu o fume entre nós, volvíamos ser aquelas nenas de doce anos que intentaban gobernar o mundo dende o prisma ovalado da adolescencia. Sentín que eramos fortes, compartimos eivas, sabemos como é o cóncavo da depresión, o pracenteiro da meseta e a euforia de estar por momentos na cima da vida. Que importante é ter saúde mental, encontrar a polivalencia deste tres momentos vitais.